Impulso de accións de formación e promoción para impulsar Galicia como destino saudable

Expourense, a través da súa marca Termatalia,Fundación Semana Verde de Silleda e a Federación de Hostalaría de Ourense puxeron en marcha un proxecto conxunto coa vinculado ao Concurso de Ideas do Clúster de Turismo de Galicia

A primeira destas accións executouse onte co showcooking impartido polo chef Xullo Mato o Río en Turexpo, Silleda

Expourense, a través da súa marca internacional “Termatalia”, puxo en marcha un proxecto que ten o obxectivo de promocionar Galicia como destino de turismo de saúde, médico e saudable. Fundación Semana Verde de Galicia e a Federación Provincial de Hostalaría de Ourense acompañan neste proxecto que foi presentado ao Concurso de ideas lanzado polo Clúster de Turismo de Galicia co apoio da Xunta.

Para levar a cabo este obxectivo de promocionar a Galicia como destino de turismo de saúde e médico, o tres entidades implicadas puxeron en marcha unha serie de accións que promocionan tamén a oferta complementaria, e da que forman parte a gastronomía saudable e sustentable ou o comercio. A primeira delas executouse no marco da feira Turexpo que se celebra en Silleda ata o vindeiro domingo. Tratouse do Taller de Gastronomía Saudable impartido polo chef galego Xullo Mato o Río, xefe de cociña do Ecochotel Nos, que elaborou en directo pratos de cociña fusión con produtos galegos e quilómetro cero. Coincidindo coa inauguración da feira internacional Semana Verde Abanca na que se enmarca Turexpo, visitaron a “Corner Cooking” a conselleira do Medio Rural, Ánxeles Vázquez, a directora de Turismo Nava Castro e a directora de Agricultura, Belén Docampo, ademais do secretario do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que acompañou a presentación do showcooking.
A seguinte acción dentro deste proxecto será unha xornada formativa sobre cociña galega no castelo de Maceda impartida polo chef Carlos Parra, o próximo 20 de xuño.
Este proxecto concluirá coa celebración en Brasil, en Foz do Iguaçu, entre o 12 e o 14 de setembro da próxima edición de Termatalia, Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar. No marco da Bolsa de Contratación Turística e ante operadores de turismo dunha vintena de países presentarase un Catálogo que recolle da oferta en turismo de Saúde e Médico de Galicia. Ademais, esta feira contará cunha Aula de Alimentación saudable na que participará un chef galego.