Galicia reforzou o vínculo entre o Camiño de Santiago e Alemaña con encontros empresariais en Hamburgo e Frankfurt

ACTIVIDADES

Galicia reforzou o vínculo entre o Camiño de Santiago e Alemaña con encontros empresariais en Hamburgo e Frankfurt

O Clúster Turismo de Galicia participou xunto cunha representación empresarial especializada na ruta nos workshops organizados pola Axencia de Turismo para presentar o Xacobeo 21-22.

 

Jesús Picallo destacou en terras xermanas que Galicia é un destino preparado, acolledor e altamente especializado nun tipo de turismo pausado, non masificado e con inquietudes espirituais e culturais.

 

Alemaña é o segundo país que máis peregrinos achega ao Camiño de Santiago, unha tradición case tan antiga como o propio Camiño, xa que existe documentación desde o século IX do culto ao Apóstolo en terras xermanas. Así o destacou a semana pasada en Hamburgo e Frankfurt o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo, na súa intervención tras os workshops organizados pola Axencia Turismo de Galicia, no marco da presentación do Xacobeo 22-22.

 

A comitiva, encabezada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, contou coa presenza dos directores das Oficinas Españolas de Turismo (OET) de Berlín e Frankfurt, Arturo Ortiz e Octavio González, respectivamente, e do vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia, Jesús Picallo. A representación empresarial galega estivo integrada por Circuítos Galicia Viaxes, ArtNatura Galicia, Simply Galicia, Easy Galicia e Interrías, que tiveron a oportunidade de intercambiar contactos e explicar os seus servizos a empresas alemás..

 

Alemaña é o cuarto país europeo despois de Francia, Portugal e Italia no que se desenvolveu este encontro para poñer en valor a celebración deste Xacobeo especial. Neste sentido, o vicepresidente do Clúster Turismo de Galicia manifestou que “o Camiño de Santiago e a celebración deste dobre Ano Santo constitúe neste momento o maior e mellor sinal de identidade para o turismo de Galicia”.

 

O vicepresidente do Clúster destacou que “que a nosa terra e as nosas xentes afixéronse a recibir visitantes desde a Idade Media. Esta acumulación de coñecemento deu como resultado un destino preparado, acolledor e altamente especializado nun tipo de turismo pausado, non masificado e con inquietudes espirituais e culturais”. Jesús Picallo lembrou que Galicia é un destino con tantas posibilidades como atractivos, “praias, bosques, termalismo, patrimonio e gastronomía son puntais dunha oferta turística con experiencias únicas para o viaxeiro”.

 

A mellor proba, as cifras deste ano, que no primeiro cuadrimestre rexistrou  a chegada de máis de 1 millón de turistas e máis de 120.000 peregrinos xa selaron a súa Compostela.

 

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, sinalou que camiñar a Galicia permite gozar dunha experiencia única en espazos abertos e naturais na liña con aquilo que demandan os turistas tras a pandemia e que encaixa coa marca Galicia como destino seguro. Nava Castro afirmou tamén que o turismo é un sector estratéxico en Galicia e que o Camiño de Santiago desenvolve un importante papel como impulsor da cooperación internacional.