Galicia promociona en París experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago

Galicia promociona en París experiencias vinculadas ao Camiño de Santiago

O Clúster Turismo de Galicia xunto cunha decena de empresarios especializados neste ámbito participan no workshop organizado pola Axencia de Turismo para presentar o Xacobeo 21-22.

 

As experiencias turísticas vinculadas ao Camiño centraron hoxe o workshop, organizado pola Axencia para o Turismo de Galicia, no marco da presentación do Xacobeo 21-22 en París. No encontro participou o Clúster Turismo de Galicia xunto con representantes dunha decena de empresas galegas especializadas neste ámbito.

 

A comitiva, encabezada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada de autoridades e representantes da Embaixada de España en Francia; do Consulado; da OET en París; da delegación permanente de España ante a Unesco; e do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; exerceu de embaixadora de Galicia ante máis dun cento de profesionais entre turoperadores, xornalistas e prescriptores.

 

Despois das presentacións en Portugal e Italia, Francia é o terceiro país europeo onde se leva adiante este acto simbólico para poñer en valor a celebración deste Xacobeo especial. Neste sentido, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, manifestou que “o Camiño é un dos principais atractivos de Galicia, un sinal de identidade mundial que ofrece múltiples posibilidades a aqueles que queiran achegarse á rexión a través dunha das súas máis ancestrais tradicións”.

 

O presidente do Clúster de Turismo destacou que “ese Camiño que forxou o noso espírito acolledor, é un dos moitos atractivos que ofrece Galicia”, un destino con tantas posibilidades como atractivos, “praias, bosques, termalismo, patrimonio e gastronomía son puntais dunha oferta turística con experiencias únicas para o viaxeiro”.

 

O turismo do mar, grazas aos seus 1.500 quilómetros de costas con máis de 900 con praias e portos deportivos; o turismo rural que invita a desconexión; un turismo termal, que está entre os primeiros de España, ademais do turismo de reunións, convencións e congresos e o patrimonio cultural, encabezado pola arquitectura relixiosa foron algúns dos elementos que Cesáreo Pardal destacou na súa intervención.

 

O presidente do Clúster Turismo de Galicia quixo destacar que a entidade aborda a promoción de Galicia como destino turístico desde a perspectiva da colaboración público-privada da man da Administración, a través da Axencia de Turismo, co obxectivo común de consolidar Galicia como un destino intelixente, adaptado ás necesidades dunha sociedade cada vez máis dixital; e como un destino sustentable, preservando os nosos espazos e sendo respectuosos coas comunidades locais.