O sector MICE galego dáse cita en IMEX de Frankfurt, a feira de congresos e incentivos máis importante do mundo

O sector MICE galego dáse cita en IMEX de Frankfurt, a feira de congresos e incentivos máis importante do mundo

Os representantes do sector feiral, de congresos e incentivos mantiveron encontros profesionais nesta cita profesional entre o 15 e o 17 de maio

Unha misión comercial do sector MICE galego participou, unha edición máis, na feira IMEX de Frankfurt, unha das citas profesionais máis importantes no ámbito do turismo de congresos, reunións e incentivos. Representantes deste sector como ExpoCoruña ou Palexco xunto con Turismo da Coruña e Turismo de Galicia estiveron presentes nesta feira celebrada entre o 15 e o 17 de maio en Alemaña para seguir fortalecendo o sector MICE galego. Da man de Turismo de Galicia e baixo o paraugas de Turespaña, que xestionou encontros profesionais e presentacións, os profesionais que compuxeron a misión comercial mantiveron encontros para dar a Galicia, e máis concretamente A Coruña, como destino ideal para o turismo de feiras, congresos, incentivos, presentacións de produto ou para celebrar reunións de empresas.

Así, por exemplo, os profesionais galegos mantiveron un encontro de traballo con sete turoperadores brasileiros, que se manifestaron moi interesados por coñecer o destino Galicia. A gastronomía, paisaxes e, por suposto, o Camiño de Santiago volveron ser os principais elementos de atracción para estas empresas que buscan emprazamentos para celebrar feiras, presentacións de produto ou reunións de team building. Empresas e axencias de Suecia, Bélxica, Alemaña ou Portugal tamén se interesaron por Galicia. ExpoCoruña entrevistouse con máis de 20 empresas, entre axencias e turoperadores, a maior parte europeas.

A asistencia a este encontro sérvelles aos nosos profesionais, ademais, para coñecer as novas tendencias en organización e celebración de encontros, así com para incrementar contactos e xerar sinerxías con provedores e profesionais dedicados aos diferentes aspectos da organización de congresos, reunións e incentivos de empresa. E é que a feira IMEX de Frankfurt consolidouse como unha cita imprescindible para o sector MICE, cunha edición que superou os 3500 expositores de 150 países e coa visita de case 10 mil profesionais vinculados ao sector.