O Clúster Turismo de Galicia participará en Termatalia México en accións de promoción para os seus asociados

ACTIVIDADES

O Clúster Turismo de Galicia participará en Termatalia México en accións de promoción para os seus asociados

Co obxectivo de contribuír a situar a imaxe de calidade das empresas turísticas galegas no mercado mexicano, o Clúster de Turismo de Galicia participará na Feira Internacional de Turismo de Saúde e Benestar: TERMATALIA México, representando ao conxunto das empresas asociadas, e que terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro de 2016 en Arteaga / Saltillo (estado de Coahuila – México). Ademais de contar cunha caseta, durante eses días desenvolveranse unha serie de accións promocionais concentradas neste mercado como a participación no Workshop con operadores de Turismo de México (tanto especializados en turismo de saúde como xeneralista), a presentación do produto turístico de Galicia a operadores e axencias de viaxes de México, así como a prensa especializada en Turismo e prescriptores ou a presentación de iniciativas conxuntas entre o CTG e o Clúster de Auga Mineral e Termal de Galicia. Ademais manteranse diferentes reunións con axentes institucionais, operadores e axencias. O obxectivo fundamental será a identificación, selección e atracción de potenciais axentes comerciais (operadores almacenistas emisores de México) que poidan establecer futuras relacións comerciais cos almacenistas de receptivo de Galicia, e por tanto beneficiar a todo o resto de empresas da cadea (axencias de viaxes, hoteis, hoteis-balneario e outros aloxamentos ou establecementos hostaleiros, campos de golf, portos turísticos etc.)

A participación do Clúster Turismo de Galicia neste evento internacional, operación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 Programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2016, encádrase no marco do Plan de Internacionalización que está a deseñar o Clúster para fomentar o incremento de chegadas de turistas estranxeiros a Galicia. Até agora o CTG concentrouse fundamentalmente nos mercados europeos pero agora incorpora tamén a promoción en América, dentro dunha estratexia de diversificación que busca ampliar os fluxos turísticos que chegan a Galicia. Con esta finalidade, e coa meta marcada en conseguir o obxectivo de 5 millóns de chegadas de turistas a Galicia, o sector privado require dunha estratexia para incrementar o fluxo desde mercados máis afastados que xa envían visitantes a Galicia pero teñen potencial para crecer. Entre os mercados seleccionados, que poderían incrementar o seu potencial emisor, atópase México.

Non en balde, e segundo Instituto de Estudos Turísticos de España, os mexicanos que visitaron España durante 2013 foron 265.900 aproximadamente con uina media de estancia de 16 días e un gasto medio por turista de 2.410 euros aproximadamente, cun gasto medio diario de 149 euros (en 2014).

Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, unha maneira de facer Europa
O obxectivo principal do Programa Exporta Organismos Intermedios 2016 é incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización das pemes galegas. O resultado que se pretende é aumentar a base de empresas exportadoras e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.”

PROXECTO COFINANCIADO POR IGAPE, XUNTA DE GALICIA E FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020

logos FEDER IGAPE