O Clúster reforza a promoción internacional do destino Galicia

  • Santiago acolleu o 16 de xullo a Asemblea xeral do Clúster na que se fixo balance das actuacións desenvolvidas en 2023 e se deu conta das previstas para este ano.
  • A entidade que aglutina ao sector na comunidade participou en 2023 nas cinco feiras internacionais máis importantes e realizou workshops noutros catro países.
  • A posta en marcha da iniciativa “Xacobeo Xove”, e a consolidación de produtos turísticos como “Enoturismo de Galicia”, o “Club de Produto Sostible”, ou a marca “Galicia Destino Familiar” foron outras das iniciativas do pasado exercicio.
  • En colaboración coa Xunta realizouse un proceso de escoita activa ao sector e elaborouse un diagnóstico para abordar a futura Estratexia Turismo de Galicia 2030.

O reforzo da internacionalización é un dos obxectivos prioritarios do Clúster Turismo de Galicia, unha senda que iniciou en 2022 e que impulsou en 2023. O pasado ano a aposta por presentar o destino Galicia en mercados internacionais traduciuse na participación en todas as feiras internacionais relevantes para o sector: a BTL Lisboa, a ITB de Berlín, o WTM de Londres, o Incontri Rimini en Italia e o Imex de Frankfurt. A isto hai que engadir outras accións de promoción e workshops en Dublín, Varsovia, México e Chicago, ademais dunha misión inversa de Estados Unidos e Canadá, organizada por Turespaña en Baleares.

 

Esta promoción internacional complementouse cunha intensa actividade no ámbito nacional coa participación do Clúster nas principais feiras nacionais; Fitur 2023, Vinis Terrae 2023, Turexpo Galicia, Foro MICE, Fairway 2023 e IBTM World 2023, ademais doutros eventos como workshops en Sevilla e Lisboa.

 

Estes datos forman parte do balance de actuacións presentadas o martes, 16 de xullo, na Asemblea xeral do Clúster celebrada en Santiago, na que participaron representantes de entidades, consorcios e asociacións provinciais que representan a máis do 95% da industria turística de Galicia, e na que tamén se avanzaron as liñas estratéxicas de 2024.

 

Entre as iniciativas postas en marcha o ano pasado está o sistema de monitorización de datos de aloxamento (SIMADA), co que o Clúster busca mellorar a comercialización mediante un sistema colaborativo. O obxectivo é que a ferramenta, que está nas primeiras fases de implantación, ofreza de primeira man sobre as reservas e prezos dos diferentes establecementos de aloxamento para poder adoptar as mellores decisións no ámbito empresarial (apertura de establecementos ou capacidade dispoñible, contratación, aprovisionamento, fixación de prezos, etc.) para incrementar a rendibilidade dos establecementos adheridos ao programa.

 

O desenvolvemento de iniciativas como “Xacobeo Xove”, así como a consolidación de produtos turísticos como “Enoturismo de Galicia”, o “Club de Produto Sostible”, con máis de 100 empresas adheridas, ou a marca “Galicia Destino Familiar” foron outros dos eixos de actuación do Clúster Turismo de Galicia no último ano. Unhas actividades ás que se suman o asesoramento a empresas ou os labores de difusión e implementación da Q de Calidade. En 2023 deuse servizo a 24 novas certificacións e a 11 empresas en proceso de seguimento ou renovación.

 

Ademais, o inicio da elaboración da futura Estratexia Turismo de Galicia 2030, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, supuxo o desenvolvemento dun proceso de participación activa de escoita aos principais axentes do sector co que se elaborou un diagnóstico inicial sobre o que abordar a nova folla de ruta para o turismo en Galicia.

 

As medidas de promoción, difusión da Q de Calidade e o asesoramento para a súa implantación foron outras das actuacións desenvolvidas polo Clúster durante 2023.

 

O desenvolvemento da xornada “rías Baixas: O camiño dos algoritmos” grazas a un convenio coa Deputación de Pontevedra, foi outra das actividades destacadas do ano pasado, cuxo obxectivo era achegar as tecnoloxías disruptivas ao sector turístico.

 

Durante este ano, o Clúster seguirá centrando os seus esforzos na promoción, difusión e comercialización do destino Galicia, apostando pola internacionalización, e seguirá ofrecendo asesoramento para a implantación da Q de calidade e a S de Sustentabilidade ás empresas asociadas. Ademais, avanzarase na elaboración da Estratexia Turismo de Galicia 2030.