O Clúster de Turismo de Galicia porá a disposición das empresas de aloxamento un sistema de monitorización e análise de datos de ocupación de establecementos de aloxamento. Todos aqueles aloxamentos que conten un PMS-Property Management System poderán empregar esta aplicación, que ademais de ser gratuíta, facilitará a xestión dos establecementos e proporcionará información de interese para as empresas turísticas.
O obxectivo da aplicación é poñer a disposición das empresas de aloxamento un sistema que permita comparar os datos de ocupación con respecto ao destino ou empresas similares no destino, os prezos, a evolución, e moito más. Así redúcese o risco na toma de decisións empresariais e increméntase a rendibilidade dos establecementos.
Para achegar este sistema a propietarios e directivos de empresas de aloxamento de Galicia, o vindeiro mércores, 31 de maio, realizarase unha sesión informativa no Centro GaiásTech, localizado na Cidade da Cultura de Galicia, a partir das 17:00 horas. Podes realizar a túa inscrición a través deste formulario. Durante a xornada, que se poderá seguir por streaming, intervirán os CCO e CEO de Optimizadata, Antonio García Ruiz e César Moreno Gil.
A sesión comezará coa presentación do sistema de monitorización, expoñendo unha análise histórica e a prospectiva de ocupación. Logo disto conversarase sobre os diferentes modelos de adhesión ao sistema. Seguidamente, presentaranse experiencias similares noutras contornas xeográficas, como é o caso da colaboración de Optimizadata con Hosbec en Valencia. Para rematar, as persoas asistentes poderán participar nunha rolda de preguntas.