A Axencia de Turismo de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións dirixidas a establecementos e servizos turísticos para os procesos de certificación, seguimento e renovación das normas UNE que permiten obter ou manter a marca Q de Calidade Turística e/o a marca S de Sustentabilidade Turística outorgadas polo Instituto para a Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES).
O obxectivo da convocatoria é apoiar aos destinos e empresas turísticas na súa aposta pola mellora da calidade e a sustentabilidade, facilitando os custos asociados á certificación externa, o seu seguimento ou renovación, así como os dereitos de uso das marcas Q e S no exercicio 2025.
O prazo de solicitudes permanecerá aberto desde o 13 de setembro ata o 13 de outubro de 2025, baixo o código de procedemento TU970A. Poderán optar a estas axudas tanto os concellos galegos e as súas entidades instrumentais que xestionen servizos turísticos públicos, como as persoas físicas ou xurídicas privadas titulares de establecementos ou servizos turísticos.
A convocatoria conta cunha dotación total de 210.000 euros, repartidos en 50.000 € para a categoría de concellos e 160.000 € para entidades privadas.
Entre os gastos que poderán recibir financiamento inclúense:
Quedan excluídos os custos derivados de auditorías internas, cotas de adhesión, implantación de sistemas, gastos de persoal propio ou tributos recuperables.
As solicitudes poderán tramitarse electronicamente ata as 23:59 horas do 13 de outubro de 2025. O prazo de xustificación das axudas finalizará o 28 de novembro de 2025.
Este 2025 o Clúster volveu poñer ao dispor do sector o seu servizo gratuíto de consultoría para a obtención e/ou mantemento da Q de Calidade e a S de Sustentabilidade Turística, unha iniciativa dirixida a facilitar os procesos de certificación ás empresas do sector interesadas en reforzar o seu compromiso coa excelencia e a sustentabilidade. As entidades interesadas en acceder a este servizo poden enviar un correo manifestando o seu interese á dirección electrónica secretariatecnica@clusterturismogalicia.com ou chamar ao 881 24 74 36.