Case medio milleiro de establecementos turísticos e axencias de viaxes xa se adheriron á nova convocatoria.
A nova convocatoria dos Bonos Turísticos #QuedamosenGalicia22 lanzada pola Axencia Turismo de Galicia en colaboración co Clúster xa botou a andar. A medianoite do domingo 20 ao luns 21 de marzo ábrese o prazo para que os usuarios poidan solicitar as tarxetas moedeiro da campaña co obxectivo de facer uso delas nos establecementos turísticos (aloxamentos e axencias de viaxes) que se adheriron a esta exitosa iniciativa posta en marcha por primeira vez no 2020 para facer fronte ás consecuencias da pandemia da covid.
Tal como establecen as bases da convocatoria publicadas o venres 18 no Diario Oficial de Galicia, poderá solicitar o bono turístico as persoas empadroadas en Galicia maiores de 18 anos que non resultasen beneficiarias cos bonos da campaña anterior: #QuedamosenGalicia21.
Haberá tarxetas por importe de 500, 375 e 250 euros, dos que a Xunta achegará 200, 150 e 100 euros, respectivamente, e o resto deberá ser abonado polo beneficiario. O prazo para facer uso destes bonos estará aberto ata o 31 de decembro deste ano, salvo durante o período comprendido entre o 1 de xullo e o 15 de setembro por tratarse da tempada alta do sector turístico. Esta limitación responde o obxectivo de que o bono contribúa á desestacionalización da actividade turística incentivando o uso dos seus servizos fóra dos períodos de maior demanda.
O prazo para solicitar os bonos por parte dos usuarios abrirase ás 00.00 horas do 21 de marzo e de repetirse a gran acollida da edición anterior é de prever que se esgoten en poucas horas. A Xunta habilitou o seguinte apartado para presentar as solicitudes: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TU985D&ano=2022&numpub=1&lang=es
En principio, a Xunta destinará 1,5 millóns de euros á campaña, de tal maneira que a repartición de bonos concluirá unha vez chegado a ese límite. Pero as bases da convocatoria non descartan que esa cantidade se poida incrementar no futuro se hai dispoñibilidade orzamentaria.
A adhesión de establecementos turísticos segue aberta
Preto de medio milleiro de establecementos turísticos adheríronse a esta nova convocatoria para poñer ao alcance dos usuarios unha extensa oferta de servizos que inclúe aloxamentos en hoteis, balnearios, paradores, turismo rural, apartamentos, albergues, cámpings e vivendas turísticas, así como paquetes e experiencias de sendeirismo, termalismo e gastronomía, entre outras.
No seu caso, o prazo de adhesión á campaña permanecerá aberto ata o 1 de decembro. Os aloxamentos e as axencias de viaxes interesados en facelo poden realizar o trámite a través do correspondente espazo habilitado na sede electrónica da Xunta: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=TU985C