A falla de recompilar os últimos datos, a Semana Santa deste ano asina un dos mellores datos do último lustro, alcanzando posiblemente o 85% de ocupación no conxunto do territorio, de xoves a domingo, e asinando ocupacións nalgúns puntos até dez puntos superiores ás do ano pasado, en que nin o tempo nin o calendario favoreceron a chegada de viaxeiros a Galicia.
En termos xerais, a ocupación para o conxunto da Semana Santa quedaría na pinza do 65% ao 85%, aínda que as impresións do sector recollidas até agora coinciden en destacar que as reservas de última hora animaron os días grandes da Semana, mellorando as expectativas iniciais cunha chegada de viaxeiros que se notou non só no aloxamento senón tamén na restauración. Hai que ter en conta que estas primeiras cifras son achegas, xa que fai falta pechar as cifras definitivas, tendo en conta que o luns de Pascua aínda foi festivo en varias Comunidades Autónomas.
“As expectativas de ocupación que manexabamos eran positivas, a pesar de que as previsións meteorolóxicas non nos daban moi bo tempo para os días festivos. Con todo, son cada vez máis os viaxeiros que elixen Galicia igualmente e este ano a súa fidelidade tivo premio”, explicou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que destacou que a bonanza climatolóxica favoreceu a reservas de última hora, cada vez máis habituais.
Turismo relixioso consolidado
Nos territorios vinculados tradicionalmente coa Semana Santa, caso de Viveiro ou Ferrol, moitos establecementos hostaleiros colgaron cartel de completos cunha afluencia de turistas da que se beneficiaron tamén as comarcas da Mariña e Ferrolterra. Nestes casos, o turismo relixioso está xa moi consolidado, e ano a ano, marca excelentes resultados nestas datas. Foi o caso de Ferrol, con porcentaxes de ocupación entre o 70% e o 85%, rozando o completo nos días grandes. Moi boas sensacións tamén na Ribeira Sacra, tanto lucense como ourensá e cifras de ocupación que seguramente estarán na liña da Semana Santa de 2017, especialmente positiva para a provincia ourensá.
Lugo conseguiu no seu conxunto da provincia unha ocupación do 93,3%, o que supuxo un ascenso de máis de dez puntos con respecto ao ano pasado. A Mariña e a Ribeira Sacra foron as zonas da provincia con máis visitantes, cunha media do 95 %. Os días craves continuaron sendo xoves e venres, nos que algúns establecementos chegaron ao 100 %.
Na cidade da Coruña a porcentaxe de ocupación quedou finalmente nun 86%, doce puntos por encima da cifra marcada na Semana Santa do ano pasado, cunhas sensacións excelentes no sector. No caso de Santiago de Compostela, que cumpriu expectativas e chegou ao 80%, os hostaleiros destacaron especialmente a animación nas rúas dos días grandes, que conseguiron que a cidade lucise co ambiente propio das Festas do Apóstolo e que permitiu que algúns establecementos chegasen ao 95% de ocupación.
Na provincia de Pontevedra a ocupación situaríase en torno ao 85% de forma xeral pero hai que esperar para coñecer as cifras definitivas. Na cidade de Vigo, de xoves a domingo, a ocupación estivo en torno ao 83,5% mentres que na cidade de Pontevedra quedou no 85%, cunha notable afluencia de peregrinos que escollen o Camiño Portugués.
En Sanxenxo a capacidade hostaleira estaba ao redor do 65% e tamén cultivaron excelentes resultados, cunha media do 84.4% de ocupación, o que significa que pasaron a noite neste munciipio máis de 31.200 turistas, a maioría de xoves a domingo. Moitos dos hoteis de Sanxenxo colgaron o cartel de completo e a maioría tiveron ocupacións por encima do 90% mentres que no Grove marcaron en torno ao 90% nos días grandes da Semana Santa, o que supuxo un incremento de 20 puntos respecto das previsións.
Finalmente Ourense rozou o cheo nos días centrais de Semana Santa, deixando unha cifra global en torno ao 80% mentres que o turismo rural marcou unha ocupación en torno ao 67% nos días festivos, e en torno ao 50% no conxunto da semana.
Procedencia nacional
Como vén sendo habitual a orixe dos viaxeiros en Semana Santa é maioritariamente nacional, aínda que nalgúns puntos nótase a chegada de turistas internacionais. Neste contexto cabe destacar que tamén influíu a chegada de peregrinos que elixiron estas datas para facer o Camiño de Santiago.