Aprobado o Plan de Accesibilidade Turística e do Camiño de Santiago para avanzar no turismo inclusivo en Galicia no horizonte 2019

Aprobado o Plan de Accesibilidade Turística e do Camiño de Santiago para avanzar no turismo inclusivo en Galicia no horizonte 2019

Inclúe catro liñas estratéxicas para actuacións no destino Galicia e outro sete para as actuacións no Camiño de Santiago en particular

A Xunta aprobou o Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa que a Xunta quere converter Galicia nun referente en materia de turismo inclusivo no horizonte 2019. Trátase dun dos documentos desenvolvidos no marco da Estratexia do turismo de Galicia 2020 e que tamén se aliña co Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago. O plan, que inclúe un diagnóstico e unha batería de accións relacionadas, articúlase ao redor de catro liñas estratéxicas de desenvolvemento no destino Galicia e outro sete para a súa posta en marcha no Camiño de Santigo entre as que se atopa mellora de sinalización, guías de boas prácticas ou formación e sensibilización dos profesionais, entre outras.

Para a súa elaboración analizáronse preto de 700 establecementos, entre aloxamentos e restaurantes en Galicia, e, no Camiño de Santiago, avaliouse o grao de accesibilidade de máis de 50 etapas, así como a situación en preto de 200 establecementos de hospedaxe. Tamén se analizaron uns 80 puntos de interese turístico na ruta xacobea. Tras estúdoo, atopáronse áreas de mellora en asuntos como a necesidade de maior presencia da oferta do turismo accesible, melloras na sinalización, e máis formación e sensibilización no sector. Por iso, e baseándose nos resultados obtidos nestes diagnósticos, establecéronse as estratexias e accións que é necesario levar a cabo para mellorar a competitividade do destino e para converter a Galicia nun referente en accesibilidade turística.

Ao amparo deste plan analizarase e mellorarase a accesibilidade nos principais puntos turísticos, das empresas turísticas e das oficinas de atención, incluíndo entre algunhas medidas, as liñas de axudas para a mellora da accesibilidade de recursos e empresas turísticas. Para os profesionais levarán a cabo xornadas de sensibilización, así como formación específica sobre lexislación e atención ao cliente con discapacidade e necesidades diversas.

Do mesmo xeito, inclúese a edición de guías de boas prácticas para o turismo accesible, a posta en marcha de aplicacións para a mellora da accesibilidade, a inclusión de contidos de turismo accesible no portal do destino, deseño de material promocional dirixido a persoas con discapacidade, así como presencia nas principais feiras turísticas e especializadas en accesibilidade, entre outras. No campo do Camiño de Santiago, inclúese, entre outras, o impulso formativo aos profesionais do sector no Camiño de Santiago, con cursos de protocolo e atención ao cliente con discapacidade, cursos sobre normativa e avaliación da accesibilidade. Axencias especializadas en turismo accesible

Viaxe de familiarización con axencias especializadas
Tamén se recollen melloras na sinalización, para que esta sexa accesible e que inclúa planos comprensibles; na sinalización externa e interna nos aloxamentos; na información do grao de accesibilidade dos establecementos; nos puntos de interese turístico no Camiño, así como nos pavimentos en tramos máis accesibles. En materia de promoción, tamén se impulsará o contacto con asociación de persoas con discapacidade e con axencias especializadas en materia de turismo accesible. Neste sentido, Galicia será o destino de varios operadores especializados e asociacións de persoas con mobilidade reducida, que participarán nunha viaxe organizada por Turismo de Galicia para coñecer a oferta de turismo accesible da nosa comunidade.

En concreto, nesta viaxe participan os operadores e axencias de viaxes especializadas neste tipo de turismo AccesibleMadrid, Touradapt, Accesitravel e Travel Xperience. A acción centrarase nas rutas turísticas de turismo cultural e patrimonial para persoas con mobilidade reducida na costa galega.

Na actualidade existe un mercado potencial de 138 millóns de persoas na Unión Europea con necesidades de acceso, cun incremento interanual de 1,2% ata 2020, as cales realizan unha media de 7,15 viaxes ao ano que representan un importante nicho de mercado ao que dirixir unha oferta turística especializada.