Entre o 4 e o 8 de outubro Galicia acolle Spain Reloaded, un encontro profesional de carácter internacional que reunirá no noso territorio por vez primeira a máis de 160 turoperadores procedentes de 15 países, entre os que se atopan os principais mercados para o sector turístico galego. Trátase dunha oportunidade única para xerar encontros B2B con empresas turísticas galegas a través dun workshop que se desenvolverá no Gran Hotel da Toja e que ocupará a primeira das xornadas que os turoperadores teñen previsto desenvolver no noso territorio.
Impulsado por Turespaña e Turismo de Galicia, a iniciativa busca, ademais, impulsar o grao de coñecemento do turista cosmopolita, que aposta por experiencias vinculadas coa cultura local e co goce de forma tranquila da súa gastronomía, cultura e patrimonio. Un segmento con gran capacidade de crecemento e que encaixa no modelo de turismo impulsado na Estratexia 2020 ao tratarse dun gran aliado de desestacionalización e diferenciación para o turismo galego.
É por iso que, ademais do workshop, España Reloaded inclúe conferencias e mesas redondas nas que se debaterá sobre sustentabilidade e mercadotecnia, as políticas de segmentación da demanda nos mercados maduros europeos ou a necesidade dunha mellora da sustentabilidade económica e social para impulsar a clientela cosmopolita, entre outros asuntos, que serán abordados por destacados relatores como o director xeral de Turespaña, Manuel Butler; o Key Account Director de GfK Consumer Experiences, Roland Gassner; a directora da Oficina Española de Turismo en Milán, Mª Teresa de la Torre Campo; o director da Oficina Española de Turismo en Londres, Javier Piñanes Leal; o Presidente da Asociación de Operadores de turismo Independentes Británicos, Derek Moore ou o director de produto de Boscolo Viaggi, Domenico Cocozza.
Durante estes días, tamén se contará coa presenza do subdirector xeral de Estratexia e Servizos ao Sector Turístico de Turespaña, Javier Rodríguez Destrezas; o director da Oficina Española de Turismo en Miami, Féliz Paz García-Diz; a fundadora de Made for Spain and Portugal, Virginia Irurita Bertolo; o presidente do Cluster de Turismo de Galicia, Francisco González López; ou a subdirectora xeral de Promoción Alimentaria do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, María Navarro González-Valerio. Neste sentido, o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, que tomará parte nunha mesa redonda sobre sustentabilidade, destacaba a importancia de celebrar eventos destas características en Galicia: “é unha gran oportunidade para que os turoperadores coñezan de primeira man qués é o que podemos ofrecerlles e que podamos contarlles o mellor de Galicia”, explicou.
As xornadas completaranse coa participación dos operadores de turismo e asistentes a estas xornadas profesionais nalgunha do nove rutas deseñadas por Turismo de Galicia para que poidan coñecer a Comunidade galega, visitando a costa e o interior, algúns destinos urbanos e coñecendo tamén o patrimonio dalgunha das rutas do Camiño de Santiago.