Asambleas

  • A Asemblea anual do Clúster Turismo de Galicia, celebrada o xoves 17 de xullo en Santiago, fixo balance das actuacións do pasado ano e informou das previstas para o 2025
  • A entidade que aglutina ao sector na comunidade participou durante 2024 nas feiras turísticas internacionais máis importantes e reforzou a súa presenza en eventos nacionais
  • A presentación da Estratexia 2030, as actuacións para sumar adhesións ao club de produto “Galicia Destino Sostible”, o peche do programa Xacobeo Xove ou a implantación de SIMADA foron iniciativas destacadas do ano pasado

A promoción do destino Galicia fóra das nosas fronteiras é unha liña estratéxica de actuación para o Clúster Turismo de Galicia, que no ano 2024 traduciuse na participación da entidade nas principais feiras turísticas internacionais: ITB Berlín, BTL Lisboa, TTG Incontri de Rímini, WTM Londres, MAST Chicago, BTL Lisboa. Tamén se participou noutras accións de apoio á comercialización da man de Turespaña, dirixidas a mercados como EEUU e Canadá, Xapón, Corea e Taiwan, Europa, BENELUX e Latam, así como a organización dun workshop en Lisboa.

 

Ademais, durante o pasado ano reforzouse a promoción nacional coa participación do Clúster en feiras e foros nacionais como Fitur, Turexpo Galicia, GastroTur, Sun&Blue, Intur, Foro Exceltur ou a Conferencia Iberoamericana de Ministros e Empresarios de Turismo; eventos institucionais como a Mesa de Turismo de España ou a Presentación Galicia MICE en Madrid; e a organización dun workshop en Sevilla.

 

Continuouse traballando na consolidación de iniciativas como “Galicia Destino Sostible”, a través da presenza en feiras nacionais e internacionais, a celebración de eventos que facilitan a comercialización como son os workshops, ou a organización de viaxes de familiarización e prescrición cun enfoque sostible. Todo iso permitiu incrementar as adhesións ao Club de Produto que concentra a oferta turística sostible e aumentar a súa visibilidade.

 

Ademais, ao longo do 2024 tamén se ampliou a implementación do sistema de monitorización de datos de aloxamento (SIMADA), co que xa se proporcionaron as primeiras previsións para este verán. Con SIMADA o Clúster busca mellorar a comercialización ofrecendo ás empresas do sector un sistema que proporciona datos actualizados de ocupación, prezos e canles de venda para poder tomar decisións estratéxicas e axustarse ás tendencias do mercado en tempo real.

 

Durante o pasado exercicio o Clúster xestionou o programa Xacobeo Xove, que permitiu que máis de 2.700 persoas titulares do Carné Xove puidesen gozar da experiencia do Camiño.

 

Tamén se continuou con servizos ás empresas, entre os cales están os de apoio ás certificacións, onde case 50 empresas contan coa certificación S de Sustentabilidade e máis de 250 coa certificación Q de calidade turística.

 

Un dos fitos máis importantes do pasado ano, foi a elaboración da Estratexia Turismo de Galicia 2030, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, que busca potenciar a identidade propia e singular do noso destino, cun enfoque sostible e internacionalizado, que permita unha actividade menos estacional e ao mesmo tempo, máis rendible. Un turismo que axudará no reequilibrio territorial e que demandará unha mellora na mobilidade interna do noso territorio.

 

Un ano máis, a colaboración coa Deputación de Pontevedra permitiu a organización dunha xornada para o sector que, baixo o título “Networking Rías Baixas: Turismo que une. Redes de traballo para a conformación de experiencias turísticas”, tiña como obxectivo fomentar o networking entre operadores e un mellor coñecemento da oferta turística, especialmente aquela máis recente e innovadora.

 

Son algunhas das actividades recollidas no balance de actuacións que se presentou esta mañá na Asemblea xeral do Clúster, celebrada en Santiago, e na que tamén se avanzaron as liñas estratéxicas de 2025.

 

  • Futuras actuacións do Clúster

 

Durante este ano, o Clúster seguirá centrando os seus esforzos, aliñados coa Estratexia de Turismo Galicia 2030, na promoción, difusión e comercialización do destino Galicia, apostando pola internacionalización, a sustentabilidade e a rendibilidade empresarial. Para iso seguirá ofrecendo asesoramento para a implantación da Q de calidade e a S de sustentabilidade ás empresas turísticas. Ademais, formalizará un convenio coa Axencia de Turismo para ampliar o alcance de SIMADA e incorporar novas funcionalidades ao sistema.

 

17 de Xullo de 2025

A aposta pola internacionalización do destino Galicia, a consolidación de diferentes produtos turísticos e o peche da Estratexia de Turismo 2030 centraron a actividade do Clúster en 2024

A Asemblea anual do Clúster Turismo de Galicia, celebrada o xoves 17 de xullo en Santiago, fixo balance das actuacións do pasado ano e informou das […]
02 de Xullo de 2025

Convocatoria de Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria Clúster de Turismo de Galicia

O xoves 17 de xullo de 2025 celebrarase a reunión de Asemblea Xeral Ordinaria e Extraordinaria do Cluster de Turismo de Galicia no auditorio 1 do […]
01 de Xullo de 2024

Convocatoria de Asemblea Xeral do Clúster de Turismo de Galicia

O martes 16 de xullo de 2024 celebrarase a reunión de Asemblea Xeral do Cluster de Turismo de Galicia no auditorio 1 do CINC da Cidade […]
19 de Xullo de 2023

A creación do bono Xacobeo Xove, o reforzo das actividades de promoción e internacionalización e a consolidación de diferentes produtos turísticos centraron a actividade do Clúster no último ano

A Asemblea anual do Clúster Turismo de Galicia, celebrada en Santiago, fixo balance das actuacións desenvolvidas en 2022 e deu conta das previstas para este ano. […]