Xantar, presente no Festival Gastronómico Bife de Espadarte en Portugal

ACTIVIDADES

Xantar, presente no Festival Gastronómico Bife de Espadarte en Portugal

A gastronomía galega estivo amplamente representada no Festival Gastronómico Bife de Espadarte en Vila Praia de Âncora (Caminha) a través de Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que comeza desta maneira a promoción da súa próxima edición.

As autoridades portuguesas convidaron a representantes de Xantar a esta celebración gastronómica, que se desenvolve até o 21 de agosto para a exaltación do peixe espada na que está considerada unha das vilas portuguesas “máis galegas” posto que unha parte moi importante da súa poboación descende de pescadores galegos que hai séculos iniciaron a súa actividade nesta zona.

A presentación de Xantar correu a cargo da directora de Relacións Internacionais de Expourense, Emma González, quen agradeceu a implicación das entidades públicas e privadas portuguesas coa feira galega -Turismo de Porto e Norte aproveitou a presenza neste acto de presentación para anunciar a súa participación na próxima edición da feira- e lembrou que ?Xantar é a única feira internacional oficialmente acreditada, que existe en España, especializada en turismo gastronómico?.
Expourense e Xantar levan tres anos consecutivos representando a Galicia neste Festival que se celebra cada ano a mediados do mes de agosto. Esta acción é unha máis das que Expourense promove no campo de cooperación transfronteiriza na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal, e dun modo especial en base ás relacións co principal partner que é a Entidade de Turismo, Porto e Norte. Xantar promocionou a súa próxima edición que terá lugar entre o 1 e o 5 de febreiro de 2017 e na que Portugal volverá ser un dos protagonistas, fomentando así o turismo de proximidade.