Visitar os parques naturais de Galicia terá premio

A campaña “7 días, 7 parques” incentivará o disfrute do patrimonio natural regalando 20 estancias de fin de semana.

 

O Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e os seis parques naturais cos que conta a comunidade (Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; Baixa Limia e Serra do Xurés, Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadeiro, e Serra da Enciña da Lastra) forman un inmenso patrimonio ambiental e paisaxístico que a Xunta de Galiciaquere promocionar a través dunha nova campaña promovida desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

 

Baixo a denominación de “7 días, 7 parques” a iniciativa pretende incentivar a visita e o goce deses espazos naturais protexidos durante este 2022. Para iso, tal como desvelou a conselleira Ángeles Vázquez en Fitur, o seu departamento regalará estancias de fin de semana para 2 persoas en establecementos hostaleiros situados na área de influencia deses parques aos 20 primeiros visitantes que percorran os seis parques naturais e o parque nacional antes do 30 de setembro deste ano.

 

Para participar na iniciativa e optar a algún deses 20 premios, haberá que pasar polos centros de visitantes e de interpretación de calquera deses espazos naturais, solicitar o “pasaporte” deseñado para a campaña e ir selando durante cada visita o espazo correspondente do parque en cuestión. Unha vez completado o pasaporte, haberá que enviar unha copia por correo electrónico á dirección habilitada pola consellería.

 

A campaña está xa aberta e a visita aos parques pode realizarse en calquera época do ano, aínda que no caso do Invernadeiro e das Illas Atlánticas é necesario solicitar cita previa. Ademais, nesta última área a visita depende tamén da tempada de funcionamento do transporte marítimo.