A misión comercial galega participará nas actividades da WTM, que se desenvolverá do 1 ao 3 de novembro.
O sector turístico galego volveu responder de forma positiva ao chamamento realizado polo Clúster Turismo de Galicia para participar na próxima edición da WTM, a gran feira de turismo que se celebrará en Londres do 1 ao 3 de novembro. Representantes de máis dunha vintena de empresas do ámbito receptivo e de aloxamento integran a misión comercial promovida polo Clúster que se desprazará ata a capital británica para manter reunións de traballo, establecer contactos, promocionar a oferta turística de Galicia e coñecer as novidades do sector no ámbito internacional. A representación galega partirá de Santiago de Compostela o domingo 31 de outubro e regresará o 3 de novembro.
A viaxe do Clúster permitirá dar presenza a Galicia nun certame que xunto con Fitur (Madrid) e a ITB de Berlin constitúen os principais puntos de encontro para o sector turístico de cantos teñen lugar en toda Europa. Nesta edición da WTM London está prevista a participación de representantes de máis de 65 países dos cinco continentes. Miles de delegados de ámbitos tan diversos como institucións turísticas oficiais, cadeas hostaleiras, axencias de viaxes, compañías de cruceiros, grandes atraccións e outras entidades e empresas do sector volverán atopar nunha feira que chega con importantes novidades.
Tras o formato virtual no que se tivo que desenvolver a edición do 2020 por mor da pandemia, a WTM London aposta neste 2021 por unha modalidade híbrida, de tal maneira que recupera o formato presencial habitual previo á covid, pero combínao cunha edición virtual que se desenvolverá os días 8 e 9 de novembro.
Europa, con case 30 países presentes, será o continente con maior presencia nunha feira que espera capitalizar a confianza crecente do consumidor no turismo tras a pandemia, servir de impulso do sector e sentar as bases para o desenvolvemento de iniciativas novas e innovadores que apontoen o seu crecemento.