Turismo de Galicia e Atrega promocionarán a chegada de grupos de visitantes durante o Xacobeo

Turismo de Galicia e Atrega promocionarán a chegada de grupos de visitantes durante o Xacobeo

O convenio entre as dúas entidades supoñerá un investimento de 600.000 euros para a creación e promoción de produtos específicos.

 

A incentivación da chegada de grupos de visitantes a Galicia aproveitando o tirón do Xacobeo 21-22 é o obxectivo central do convenio de colaboración alcanzado entre a Axencia Turismo de Galicia e a Asociación de Operadores turísticos Receptivos de Galicia (Atrega), e autorizado na última reunión do Consello da Xunta. O acordo prevé un investimento de 600.000 euros para a creación de produtos turísticos dirixidos a grupos, a súa promoción en redes sociais, publicidade en liña e prensa especializada, e a creación de blogues e outras accións diversas.

 

Esta iniciativa está dirixida a aqueles grupos que elixan Galicia como destino coincidindo co Xacobeo 21-22 e, especialmente, aos que viaxen por motivacións relixiosas, ao turismo idiomático, ao enolóxico, ao de congresos e a todos aqueles que “se poidan sentir particularmente atraídos por Galicia con motivo da celebración do Ano Santo”.

 

A crecente contratación de paquetes turísticos a través de Internet e a procura de asesoramento na Rede que realizan moitos viaxeiros son dous dos motivos que impulsan esta campaña destinada a axudar a un sector, como é o das viaxes, que resultou especialmente afectado pola pandemia da covid, pero que na actualidade deu importantes mostras de recuperación. “A Xunta quere potenciar a reactivación do sector e, sobre todo, promover Galicia como destino seguro entre o segmento do grupo”, explican desde o Goberno autonómico.

 

Os responsables da Xunta destacan tamén que as empresas que integran Atrega representan máis do 95 % do volume de negocio do seu sector con case 250 millóns de euros de facturación e unha presenza no mercado que fai que Galicia sexa o territorio líder no ámbito dos operadores turísticos no norte da Península.