Turexpo e Festur celebraranse conxuntamente coa Semana Verde de Silleda do 9 ao 12 de xuño

ACTIVIDADES

Turexpo e Festur celebraranse conxuntamente coa Semana Verde de Silleda do 9 ao 12 de xuño

Turexpo, o Salón Turístico de Galicia, celebrarase conxuntamente no marco da Feira Internacional Semana Verde, que se desenvolverá en Silleda do 9 ao 12 de xuño. Turexpo pasa así a formar parte da programación da Semana Verde, xunto coa Feira de Festas de Interese Turístico (Festur) e co Salón de Alimentación do Atlántico (Salimat). Así, estes certames vinculados co turismo volven unirse para reforzar a súa convocatoria, aproveitando o tirón da que segue sendo a cita máis emblemática do recinto silledense, a Semana Verde, impulsada pola Feira Internacional de Galicia Abanca (FIG),que decidiu apostar pola creación de sinerxías entre as citas turísticas e o certame multisectorial, co fin de ofrecer unha proposta máis atractiva tanto para expositores como para visitantes.
Con esta nova convocatoria, Turexpo alcanza a súa sexta edición mentres que Festur chega ao seu terceiro ano. Ambos os certames conformarán unha proposta na que a súa maior aposta segue sendo a celebración da Bolsa de Contratación Turística, na que se quere volver contar coa presenza de destacados operadores de turismo tanto nacionais como doutros países con gran interese como emisores turísticos, aos que as empresas participantes poderán mostrar a súa proposta a través de reunións agendadas en función das preferencias de ambas as partes, o que garante a súa efectividade. Ademais, a bolsa contempla unha viaxe de familiarización que permitirá aos operadores de turismo coñecer diversas zonas de Galicia. A proposta completarase de novo cunha pequena área expositiva e unha zona de exhibicións especialmente dedicada ás festas de interese turístico.