O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, participou esta mañá nun seminario impulsado pola Xunta de Galicia para presentar o Plan de Reactivación do sector turístico e cultural fronte aos efectos do COVID 19 elaborado conxuntamente pola Xunta de Galicia co sector turístico e cultural. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou este plan que arrincará este mes de maio, sempre en función do calendario que estableza o Goberno na desescalada, acompañado polos conselleiros de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o conselleiro de Economía e Emprego, Francisco Conde e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.
Un plan dotado con 27 millóns de euros que, segundo anunciou Núñez Feijóo, ten cinco obxectivos centrados en facer de Galicia un destino seguro a través da creación de protocolos e certificados hixiénico sanitarios que dean resposta á nova realidade, recuperando a confianza na marca Galicia baseada en todos os seus atributos ambientais e de recursos turísticos; reforzando a formación dos profesionais do sector e creando novos produtos turísticos e novas solucións enfocadas á realidade que xurdiu como consecuencia desta pandemia. Finalmente, tanto o presidente como o conselleiro de Cultura destacaron tamén que o plan inclúe o redeseño dunha campaña de promoción de Galicia especialmente orientada ao turismo interno e o programa Queda en Galicia.
A folla de ruta proposta pola Xunta que se dará a coñecer en toda a súa extensión nos próximos días componse dun total de 47 medidas e é o resultado de máis de 60 reunións con diferentes administracións e axentes do sector no que se recolleron o 70% das propostas que o sector trasladou á Xunta. Neste sentido, o presidente do Clúster Turismo de Galicia mostrábase optiminista cos principios deste plan e coa súa posta en marcha de forma inmediata xa que contemplan claramente o tres principais preocupacións que aburan neste momento ao sector turístico: a liquidez para darlle viabilidade económica ás empresas neste proceso de desescalada; a flexibilización dos ERTES e a necesidadad de contar con protocolos claros, concisos e consensuados co sector, ademais da posta en marcha de campañas de promoción e de recuperación da confianza do viaxeiro e de programas de formación para o sector.
“Se nos ha aberta unha porta cara ao optimismo, a salvar parte deste ano pero esta porta abriuse tamén con sombras. Preocúpanos como se producirá a desescalada tanto no calendario como nas medidas que o acompañan. Ademais do anuncio de flexibilización dos ERTES, que aínda non se publicou no BOE, necesitamos axilidade nas axudas e maior concreción no resto de medidas, posto que tal e como estamos, a apertura é inviable economicamente para a gran maioría dos empresarios do sector”, explicou o presidente do CTG no webinar.
Un plan por e para o sector turístico
Neste sentido, Cesáreo Pardal destacou tamén a importancia de achegar ao sector información clara e agradeceu que a Xunta contase desde o primeiro momento co sector, dando lugar a un plan que tal e como destacou o presidente da Xunta, “é un plan feito polo sector turístico e para o sector turístico”. No que todos os participantes do seminario estiveron de acordo foi en recalcar a necesidade de que primeiro haxa unha seguridade sanitaria xa que sen ela non hai actividade económica posible polo que será fundamental ser responsables para evitar brotes que nos fagan retroceder.
A imbricación entre seguridade sanitaria, actividade económica e sector turística é máis evidente que nunca e por iso será fundamental, unha vez máis, a coordinación entre administracións e co propio sector, que agora máis que nunca traballa para ser a imaxe de Galicia no exterior. “Se falla o sector turístico en Galicia, falla Galicia enteira”, afirmou o presidente da Xunta, facendo fincapé na importancia deste sector para o conxunto da economía galego, na que representa case o 12% do PIB turístico galego.