A Xunta de Galicia porá en marcha un plan de reactivación e dinamización económica para o conxunto do territorio cun investimento previsto de 1.700 millóns de fondos públicos –de distinta procedencia, incluída unha reorganización de orzamento propio da Comunidade– e suporá a mobilización doutros 1.300 millóns, a maioría destes de fondos privados.
O plan, que se desenvolvería durante os dous próximos anos deseñouse tendo en conta as recomendacións do comité de expertos económicos que asesorou ao Executivo autonómico na pandemia polo covid-19. Na súa exposición, Feijóo defendeu a necesidade de contar cun plan que mire á recuperación económica co horizonte de “recuperar o PIB” antes da pandemia e que deberá implementar o novo goberno que salga das urnas.
Así, á marxe de avanzar “vacacións fiscais” para os impostos autonómicos até o 1 de novembro (a data de finalización era xuño), Feijóo destacou que o plan de reactivación inclúe 3.043 millóns de euros: 1.741 de recursos públicos e 1.302 de recursos privados (maioritariamente). Cada departamento autonómico deberá elaborar os seus programas concretos para articular as medidas. O orzamento distribúese así: sanidade (450 millóns), área social (197), dinamización economía (334), educación (72 millóns), turismo e cultura (58 millóns), medio rural (161), mar (77), medio ambiente e vivenda (104) e infraestruturas e mobilidade (183 millóns).
Solicitudes ao Goberno central
Ademais, en materia de turismo, a Xunta solicitou ao Goberno central a baixada do IVE do turismo, cunha redución do 10 ao 4% para servizos como a hostalaría, os balnearios ou a restauración “este ano e o seguinte”, unha solicitude que se completou coa da necesidade de abrir máis pasos fronteirizos entre Galicia e o norte de Portugal, e entre Galicia e Asturias. “E tamén pedimos que esta semana se reabra ao tráfico internacional, como mínimo, un aeroporto da comunidade”, engadiu no ámbito da mobilidade.
Por outra banda, e no tocante ás políticas fiscais, trasladou unha serie de medidas propostas polo comité de expertos económicos, entre as que destacou: recuperar a liberdade de amortización para investimentos; exención por reinversión de beneficios extraordinarios; supresión da limitación á compensación de bases impoñibles negativas; e a redución da tributación indirecta que grava presentacións en servizos como a hostalaría.