Tras a entrada en vigor dos cambios relativos á regulación das Vivendas de Uso Turístico, a Xunta anunciou que, a partir do mes de febreiro intensificará os controis sobre este tipo de aloxamentos, co obxectivo de seguir avanzando na ordenación deste fenómeno e na que tamén concretou os cambios normativos que afectan a esta tipoloxía de aloxamento. Con estas medidas a administración autonómica busca garantir a convivencia desta modalidade co resto de tipoloxías de aloxamento facendo posible que tanto as persoas que ofrecen estes servizos como as que os contratan poidan facelo con garantías e total seguridade xurídica para ambos.
Tal e como avanzou o titular da consellería de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, é necesario seguir “dando pasos adiante” na ordenación deste tipo de establecementos e incidiu na necesidade de frear a oferta ilegal, motivo polo cal se intensificarán os controis neste ámbito.
Número de rexistro e datos de ocupación
Ademais de avanzar o aumento da actividade inspectora ao longo do 2020, Román Rodríguez detallou os cambios normativos impulsados polo Goberno galego con respecto a este tipo de establecementos e que entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro. Entre as novidades figura a obrigatoriedade de que todas as vivendas de uso turístico inclúan naquelas plataformas informáticas nas que se oferten o número de rexistro que figura no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT). Trátase dunha medida que ten como finalidade dotar esta actividade dunha maior transparencia, especialmente para os usuarios, permitindo diferenciar a oferta ilegal daquela que cumpre a normativa vixente.
En paralelo, desde este 2020 será obrigatorio que os propietarios destes establecementos remitan trimestralmente ao Goberno galego os seus datos de ocupación, un aspecto sobre o que até o momento non existen cifras exactas, dado que as vivendas de uso turístico compaxinan o uso residencial co turístico.
Tal e como concretou o conselleiro de Cultura e Turismo, a pesar de que os cambios entraron en vigor o pasado 1 de xaneiro, a Xunta levará a cabo durante todo o mes de xaneiro un labor meramente informativo, dando conta aos propietarios que incumpran algún destes aspectos das modificacións introducidas e da obrigatoriedade do seu cumprimento. Será a partir do mes de febreiro cando se comecen a tramitar as sancións correspondentes que, en función do caso, recaerán sobre os propietarios ou sobre as plataformas comercializadoras.
Colaboración dos axentes implicados
Román Rodríguez subliñou que estas novas medidas mostran o compromiso do Goberno galego á hora de seguir ordenando esta modalidade de aloxamento, aínda que lembrou que a Xunta non é a única administración con competencias nesta materia, polo que instou o resto de entes públicos e axentes implicados a colaborar na regulación desta tipoloxía. No caso do Goberno central, reiterou a petición de avanzar nun marco normativo que permita homoxeneizar os regulamentos postos en marcha polas distintas Comunidades Autónomas. Do mesmo xeito, reclamou a implicación das plataformas de comercialización online á hora de atallar a oferta ilegal neste sector.
Ademais, o titular de Cultura e Turismo lembrou que tanto as comunidades de veciños como os concellos contan con competencias nesta materia. Neste sentido, destacou o acordo alcanzado o pasado verán coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a elaboración dunha ordenanza tipo que favoreza que os concellos poidan exercer as súas competencias neste ámbito con maior facilidade. Ao mesmo tempo, indicou que a Xunta está “a disposición” de todos os concellos para avanzar neste ámbito. Precisamente, avanzou que nas próximas semanas terá lugar un encontro con representantes do Concello de Santiago para analizar as particularidades deste fenómeno na capital galega.