Xornada TurisTic

O Museo Verbum de Vigo acollerá o próximo 10 de abril a segunda Xornada TurisTIC sobre Turismo intelixente, organizada pola Deputación de Pontevedra. O encontro busca promover a colaboración e o intercambio de boas prácticas entre empresas do sector turístico, empresas tecnolóxicas e institucións públicas do noroeste peninsular (Galicia, Asturias, Castela e León, Cantabria e o País Vasco). Para participar neste foro o prazo xa está aberto (até completar capacidade) é só é necesario cubrir o formulario dispoñible na páxina web de SmartPeme.

A xornada desenvolverase a través de relatorios e tres mesas redondas que virarán ao redor da gobernanza nos destinos turísticos intelixentes, a innovación aplicada á comercialización turística e a tecnoloxía como presente e futuro do sector. Nos relatorios abordarase a colaboración público-privada nos destinos turísticos intelixentes e a importancia dos datos para a xestión do destino. Ademais, haberá un espazo para a exposición de exemplos de turismo intelixente na provincia de Pontevedra e unha presentación de solucións innovadoras.

Novidades: Desafío DESTinno e hackathon

Como novidades respecto ao ano pasado, a xornada incluirá o primeiro Desafío DESTinno e un un hackathon para desenvolver solucións innovadoras con ferramentas de creacións de aplicacións cuxo gañador recibirá 3.000 euros en metálico, entre outros galardóns.

O Desafío DESTinno busca aproveitar o talento da provincia para crear solucións innovadoras relacionadas cos eixos dos destinos turísticos intelixentes (gobernanza, innovación, tecnoloxía, accesibilidade e sustentabilidade). O desafío consiste en crear unha solución innovadora empregando ferramentas de creación de aplicacións. Para participar no Desafío DESTinno hai que cubrir un formulario dispoñible na sección de SmartPeme na web da Deputación ou chamando por teléfono ás oficinas da rede SmartPeme.

Colaboración co Clúster Turismo de Galicia

Ademais deste Desafío DESTinno, o foro tamén terá un Centro de Demostración de Solucións Tecnolóxicas. En colaboración co Clúster do Turismo de Galicia e co Clúster TIC Galicia, 15 proxectos que hibridan turismo e tecnoloxía porán en valor o talento emprendedor da provincia a través de proxectos que combinen o mundo tecnolóxico e o turístico. Poderán participar nesta iniciativa un máximo de 15 propostas, que deste xeito poderán presentar e interactuar nunha sala con máis de 150 persoas especializadas do sector.

18 de Marzo de 2019

Vigo acollerá o próximo mes de abril ao II Xornada TurisTIC, centrada no turismo intelixente

O Museo Verbum de Vigo acollerá o próximo 10 de abril a segunda Xornada TurisTIC sobre Turismo intelixente, organizada pola Deputación de Pontevedra. O encontro busca […]