Aínda que resulta moi complexo determinar unha previsión de ocupación para o conxunto do territorio galego, o que si parece claro é que o sector aprecia boas perspectivas para os próximos festivos, especialmente no que se refire aos destinos urbanos, polo que se pode esperar que a maior parte dos viaxeiros que elixan Galicia para gozar destes días sexan do mercado interior (Galicia) e de comunidades autónomas próximas, especialmente aquelas que prolongan a festividade até o luns, 9 de decembro, como son Castela e León, Estremadura, Madrid, Asturias ou Cantabria, e que, en moitas ocasións, e por proximidade, escollen Galicia para facer unha escapada nestas datas. Será, ademais, determinante o compoñente meteorolóxica, cunha previsión de tempo estable para o venres e sábado.
Por destinos turísticos, podemos apuntar que a asociación Hostalaría de Compostela sinala unha ocupación de case o 50% para os hoteis e do 40% para as pensións nos días a ponte, mentres que Vigo e A Coruña esperan unha porcentaxe moito máis, altos, de ao redor do 75% nestes días festivos, animados polo turismo de compras. No caso da Coruña, a previsión para o resto dos festivos do Nadal é máis moderada, cun 40% de ocupación prevista até o momento, segundo apuntan desde Hospeco, mentres que no caso de Vigo esperan manter cifras de ocupación ao redor do 75% no conxunto do mes e do 100% nos sábados de aquí o fin de ano, unhas cifras de ocupación que melloraron mesmo as do ano pasado para o caso da cidade olívica. “O sector está moi satisfeito cos incrementos. En decembro de 2017, antes deste fenómeno, tivemos un 18%. En 2018, primeiro ano das luces, un 68%. Este ano esperamos superar o 75%, o cal, para ser Galicia e ser decembro, é algo extraordinario”, comenta o presidente da Federación Provincial de Empresarios da Hostalaría de Pontevedra (Feprohos), César Ballesteros. Non cabe dúbida, pois, que Vigo é a escapada estrela nesta ponte e no nadal galego en xeral.
E precisamente desta atracción das luces de Nadal en Vigo tamén obterán tirón poboacións próximas, que esperan ocupacións moi similares ás do ano pasado, ou mesmo Ourense, que tamén espera bos resultados grazas a este “efecto loces”. Non en balde unha ducia de axencias de viaxes de Madrid, León ou Coruña programa saídas do Nadal con parada nas Burgas. Estas excursións non repercutirán no número de pasas a noite, pero si no movemento de viaxeiros. Aínda así tamén hai moitos viaxeiros que optan por Ourense para logo moverse pola provincia ou viaxar a outros puntos, atraídos polo termalismo ou pola Ribeira Sacra, o que permitiu que hoteis da cidade das Burgas estean a un 80% da súa capacidade ou mesmo máis, igual que algúns dos balnearios da provincia.
Tamén as casas rurais da provincia ourensá apuntan boas cifras de face a esta ponte, animados polas reservas de última hora que sitúan a ocupación ao redor do 50%, catro puntos por encima da porcentaxe media de ocupación que tiveron as casas de turismo rural galegas o ano pasado.
Tradicionalmente a ponte de decembro é unha ponte que funciona ben no ámbito das casas de turismo rural, que o ano pasado quedaron cunha ocupación ao redor do 46% e que este ano poderían estar preto do 50% (49,82%, segundo o portal tuscasasrurales.com), unha ocupación que queda moi lonxe das conseguidas por outras Comunidades Autónomas, que marcab nestas datas máis dun 80% de ocupación. Este tipo de aloxamentos é o escollido polos viaxeiros que buscan tranquilidade, desconexión e propostas vinculadas coa natureza e a gastronomía e, neste sentido, cabe lembrar que aínda está en marcha o programa de Turismo de Galicia, Outono Gastronómico, que combina aloxamentos, gastronomía e actividades complementarias.