Tralo peche dun mes de xullo positivo en ocupación, cun incremento medio do 6% no número de viaxeiros e do 5% no número de viaxeiros, as casas de turismo rural galegas afrontan o que tradicionalmente é o mellor mes do ano, agosto, con moi boas expectativas. Unhas previsones que veñen apoiadas polos estudos publicados por Tuscasasrurales.com e por Top Rural, ambos os portais especializados en comercialización deste tipo de aloxamentos.
Aínda que difiren na porcentaxe de ocupación que auguran para o mes de agosto nas casas galegas, – TusCasasRurales cífrao nun 60,42% mentres que para Top Rural podería alcanzar o 78% da ocupación-, no que ambos os estudos coinciden é en colocar a Galicia no top 5 dos destinos favoritos dos turistas rurais este verán. Galicia situaríase así como a quinta comunidade con maior taxa de ocupación, só por detrás de Baleares, Asturias, Navarra, Cataluña e Euskadi, no caso do estudo de Tuscasasrurales mentres que para Top Rural o primeiro posto sería para Cantabria, seguido de Asturias, País Vasco e Baleares.
Estas cifras de ocupación superan amplamente a media de ocupación estatal para este tipo de aloxamentos que se sitúa en trono ao 53%, segundo o estudo de Tuscasasrurales.com e do 56% para Top Rural. Este último estudo establece tamén que Pontevedra a que lidera a listaxe cunha ocupación do 82 %, seguida de Ourense cunha porcentaxe do 78 %, A Coruña cun 77 % e á cola sitúase Lugo, cun 70 %.
En calquera caso, máis aló da discrepancia das cifras, o que ambos deixan de manfiesto é a mellora global na ocupación das casas de turismo rural galegas con respecto aos anos anteriores e unha tendencia de constante crecemento.