Co obxectivo de incentivar o consumo de tarde e facer unha homenaxe á tradición “larpeira” da cidade, 18 establecementos de Compostela celebrarán do 23 de marzo ao 2 de abril a terceira edición da iniciativa “Santiago Paixón Doce”, programa que naceu no 2016 baixo a marca paraugas de Compostela Gastronómica. Impulsado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, preténdese, ademais, contribuír á consolidación de Santiago como destino gastronómico apoiándose nesta ocasión na tradición máis doce.
Durante estas datas os locais participantes incluirán nas súas cartas produtos e preparacións doces tradicionais da cidade e da Semana Santa, en formato merenda, que permitirán traer á actualidade receitas ancestrais traídas hai séculos polas ordes relixiosas ou redescubrir a longa tradición chocolateira, transferida a Europa grazas á contribución do Camiño de Santiago que se sumarán ás famosas roscas e aos tan populares ovos de Pascua.
Merendas con premio
Ademais, todas as persoas que proben as merendas de polo menos tres dos locais participantes recibirán como premio dous billetes para a Ruta dos Parques do Tren Turístico ou un pack de postais infantís de Santiago, mmm… que rico!, que se poderán recoller na oficina de información turística municipal.