Máis de cen profesionais do turismo de eventos e congresos confirmaron a súa asistencia ao acto de presentación do sector MICE galego que terá lugar o vindeiro mércores, 29 de novembro, en Barcelona, dentro da feira IBTM World, considerada como unha das máis importantes do mundo neste ámbito. O acto está promovido conxuntamente por cinco organizacións empresariais co apoio do Clúster Turismo de Galicia, co obxectivo de promover Galicia como destino MICE e dar a coñecer a gran potencialidade do sector.
Na presentación, que terá lugar ás 13 horas no Espazo Dome de IBTM World, e estará conducida pola xornalista lucense Silvia Jato, exporanse a operadores internacionais as potencialidades e infraestruturas de Galicia para o turismo de congresos. O acto está promovido por OPC Galicia (Organizadores Profesionais de Congresos), a Asociación de Palacios de Congresos de Galicia, HOSPECO (Asociación Empresarial de Hospedaxe da Coruña), ASEHOPO (Asociación de Empresarios de Hospedaxe da provincia de Pontevedra) e Galicia Destino Golf. Dá continuidade á alianza establecida xa en 2016 entre estas entidades, co fin de reforzar o posicionamento da nosa Comunidade como destino de congresos e eventos de todas as dimensións.
Os empresarios galegos distribuirán en Barcelona a máis recente versión USB da guía Galicia MICE, que facilita a localización de recursos a promotores e organizadores de reunións, viaxes de incentivos, convencións, feiras ou exposicións. A guía articúlase por sectores e sedes e inclúe palacios de congresos, hoteis, empresas de organización de eventos, campos de golf, iniciativas de turismo de incentivo e, en xeral, todos os recursos como empresas de servizos audiovisuais, de montaxe de escenografías, transporte, servizos gráficos ou azafatas. A guía, deseñada en formato PDF, ten o seu respaldo nun portal web con información sempre actualizada (www.galiciamice.com)