Un total de 30 turoperadores galegos tiveron a oportunidade de descubrir unha mínima parte das enormes potencialidades de Galicia como destino de turismo activo a través dun fam trip promovido por medio da Asociación galega de empresas de turismo activo, aventura e natureza (AGETAN), a axencia de viaxes almacenista CN Travel e o Centro de Estudos Turísticos da Universidade de Santiago de Compostela (CETUR). A iniciativa enmárcase no proxecto Galicia, Destino Activo, unha marca de promoción deste tipo de turismo que se puxo en marcha a iniciativa do Clúster Turismo de Galicia co obxectivo de mellorar a promoción e comercialización do turismo galego.
A viaxe de familiarización, orientado a axentes de viaxes que comercializan o destino Galicia, consistiu na realización dun descenso en rafting polo río Ulla co obxectivo de que os participantes no evento, un total de 30 procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, coñezan de primeira man o potencial de Galicia como destino para a realización de actividades de turismo activo, para poder así ofrecelo aos seus clientes.
A experiencia tivo unha gran acollida entre os profesionais das axencias de viaxes e moitos deles, que descoñecían esta posibilidade de práctica deportiva ligada ao turismo, mostraron a súa sorpresa pola calidade da experiencia e xa solicitaron máis información sobre as características das diferentes escapadas programadas. Cabe destacar que o rafting é a actividade mais demandada nas empresas de turismo activo de Galicia.
Escapadas de fin de semana
Os axentes poderán ofertar a realización destas actividades en formato escapadas de fin de semana que se complementan con aloxamento. Entre outras posibles actividades a realizar destacase o propio rafting, puenting, escalada ou barranquismo. Os clientes finais poderán contratar as escapadas en axencias de viaxes tradicionais e tamén en axencias online.
Esta acción, que busca a desestacionalización do turismo en Galicia polo que se está promocionando e comercializando no outono, enmarcase no proxecto “Galicia destino activo”, iniciado no ano 2015 polo Clúster de Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.
Mediante este proxecto, procúrase o desenvolvemento do turismo activo en Galicia, destino que, mediante a colaboración entre a Administración e o sector persoal, ten un gran potencial para desenvolver unha oferta de práctica deportiva ligada ao turismo, creando produtos turísticos sustentables, socialmente responsables, de calidade, innovadores e diferenciados que afiancen o posicionamento da marca Galicia como territorio de natureza e deporte.