Os concursos de tapas son un atractivo no outono e un elemento que non pode faltar na programación cultural das principais urbes galegas. É o caso de Coruña, que recentemente celebrou XVI Concurso de Tapas Picado, ou de Lugo, que acaba de concluír o seu coa venda de máis de 36 mil tapas e cuxos gañadores nesta décimo quinta edición foron El Boni Parrillada na categoría popular e para o restaurante Paprica na do xurado técnico.
E agora chégalle a quenda a Vigo, que esta semana arrinca a súa sexta edición do Petisquiño Vigo con 52 locais que celebran o concurso entre os días 17 de outubro e 10 de novembro, co obxectivo de conseguir o Premio Estrella Galicia á Mellor Tapa.
Pola súa banda Ourense celebrará o seu coincidindo cunha das súas celebracións grandes, o magosto e o San Martiño. Así, o Concurso de Petiscos Sabores de Ourense celebrarase entre o 7 e o 17 de novembro pondo o foco nos produtos de tempada e de proximidade, con propostas moitas delas centradas no castaña pero tamén con opcións para celíacos e maridaxes cos viños da provincia. Pero non é a única que está a piques de arrincar xa que Santiago acaba de presentar as novidades da súa XII edición de Santiago(é)tapas, que se celebrará do 14 de novembro ao 1 de decembro cunha gran final que terá lugar do 6 ao 8 de decembro. Unha das grandes novidades será Santiago(é)Cóctel, concurso de cócteles que complementará ao de tapas, promovidos por Turismo de Santiago e organizado pola Asociación Hostalaría Compostela, co apoio da Deputación da Coruña e o patrocinio de Mahou.
Cabe destacar tamén que, nesta edición, o concurso compostelán estrea unha imaxe que busca profundar no concepto de localización, mostrando Santiago como o lugar perfecto onde gozar dunhas boas tapas. O novo daquela garda tamén relación coa meta do Camiño de Santiago e as rutas de locais que poderán percorrer todos aqueles veciños e veciñas, así como visitantes. O prazo de inscrición para ambos os concursos xa está aberto e prolongarase até o 20 de outubro. Cada local poderá presentar un máximo de tres tapas e/ou dous cócteles.
Co fin de fomentar o uso de produtos autóctonos e de proximidade, fíxase como requisito imprescindible para participar que as tapas inclúan na súa elaboración polo menos un produto pertencente a algunha das denominacións de orixe ou indicacións xeográficas protexidas de Galicia. No caso dos cócteles será imprescindible que inclúan na súa elaboración polo menos un produto galego.
Finalmente tamén se incorporan novidades nos premios nas categorías tapa creativa, tradicional e maridaxe Mahou así como premios do público á tapa creativa e á tapa tradicional. Así mesmo, premiaranse dous cócteles, un creativo e un clásico e haberá premios para os consumidores.