Durante 2017 a Xunta investirá máis dun millón de euros en accións que permitran mellorar as instalacións e sinalización do Camiño Inglés. En concreto levarán a cabo intervencións en 18 munipios polos que transcorre a ruta, repartidos en traballos de recuperación de sendas, sinalización e mellora de infraestruturas e áreas de descanso para os peregrinos, unhas accións que están enfocadas a mellorar a visibilidade e a relevancia deste Camiño nas súas dúas variantes pola provincia da Coruña.
Neste sentido, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, foi en encargado de anunciar a primeira destas accións, no concello de Carral, onde se investirán 116.000 euros que se repartirán en accións de recuperación, sinalización e mellora do Camiño ao seu paso polo munipio e no albergue da localidade, inaugurado en 2014.
Situado nun punto estratéxico da sétima etapa do Camiño Inglés, entre A Coruña e Bruma, o albergue de Sergude, con dispoñibilidade de 30 prazas, permite aos peregrinos atopar un lugar onde durmir doce quilómetros antes do final do traxecto, no concello de Mesía. Cunhas instalacións modernas e funcionais, o albergue ofrece os servizos básicos para o descanso e o aseo persoal dos camiñantes que se dirixen a Compostela.