A expensas da súa publicación no DOGA, o Consello da Xunta de Galicia desta semana aprobou finalmente a nova normativa que regulará os establecementos hostaleiros, un decreto que desde o Clúster Turismo de Galicia valórase positivamente pola introdución, por vez primeira, de criterios de percepción de calidade por parte do usuario así como dunha importante flexibilización nos parámetros métricos.
Trátase, ademais, da primeira das normativas que se xestou cunha fluída comunicación entre a Administración Pública e o sector, da man do Clúster Turismo de Galicia como interlocutor. “Para a elaboración desta nova normativa, que introduce importantes avances en canto á valoración dos servizos prestados fronte á rixidez dos metros cadrados, escoitouse ao sector e tivéronse en conta as nosas consideracións para introducir novos criterios de valoración. É un paso moi importante para nós como colectivo”, explica o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González.
Entre as principais novidades que achega esta normativa destaca a introdución dun sistema de cualificacións por puntos que permita ter en conta, por unha banda, as infraestruturas e o cumprimento duns mínimos obrigatorios para todos os establecementos da mesma categoría, e por outra banda, os servizos prestados polos establecementos, ofrecidos á libre elección dos titulares dos mesmos.
Este novo sistema supón a introdución de parámetros de calidade do servizo na categorización dos establecementos a través da valoración de aspectos como confortabilidad, mobiliario e equipamentos das habitacións, acceso aos servizos complementarios, servizos de restauración, servizos de telecomunicacións, etc.
Neste novo sistema de clasificación por puntos valóranse tanto a importancia da percepción da calidade que teñen os consumidores e usuarios, como os requisitos mínimos que se teñan que cumprir en todo o territorio galego, adecuados aos estándares xenerais do sector. Así mesmo, inclúe a posibilidade de mellorar a competitividade dos establecementos, mediante un sistema flexible da clasificación cun espazo que permite a innovación empresarial no noso territorio.
Armonización con outras normativas
Ademais, introdúcense elementos de flexibilidade na rixidez métrica das superficies esixidas coa finalidade de facilitar a rehabilitación de edificios, a conservación do patrimonio histórico e artístico e unha adecuada adaptación da norma tentando de harmonizalo tanto co resto de normas doutras comunidades autónomas como coas da nosa contorna máis inmediata, en especial coa normativa europea.
Coa posta en marcha desta nova normativa, que terá lugar tras a súa publicación no DOGA ? previsiblemente a próxima semana- os establecementos hostaleiros quedarán agrupados en dous grupos, hoteis e pensións. Á súa vez a categoría hoteis inclúe varias subcategorías: hoteis, hoteis apartamentos, moteles e dúas novas subcategorías: hoteis balneario e hoteis talaso.
Mantense a clasificación por estrelas
Con independencia da modalidade á que pertenzan, todos os establecementos hostaleiros seguirán acollidos ao sistema de clasificación por estrelas, exceptuando os moteles, que se clasifican nunha única categoría debendo cumprir como mínimo as condicións que lle corresponderían a un hotel de dúas estrelas. Tamén quedan acollidos á clasificación por estrelas as pensións, agrupadas en tres categorías dunha, dúas e tres estrelas. As categorías dunha, dúas, tres, catro e cinco estrelas poderán ter, ademas, a cualificación de superior.
No que se refire ás pensións, a normativa recolle que se poderá denominar Hostal a aquelas pensións que dúas e tres elas que cumpran cos requisitos establecidos no Decreto. A denominación de Pousada quedará supeditada a aprobación por parte de Turismo de Galicia, sendo necesario que cumpra unha serie de requisitos, entre eles que o establecemento estea clasificado, como mínimo, como un hotel de dúas estrelas superior.
O decreto decidiu manter a clasificación de estrelas atendendo ao seu recoñecemento internacional xa que se considera que os turistas seguen asociando o número de estrelas outorgadas en cada establecemento hostaleiro cun determinado nivel de calidade de instalacións e servizos.