A sede do Aeroclub de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a presentación do proxecto Celtic Spain Golf&Wellness, impulsado polo sector privado en colaboración con Turismo de Galicia para dar a coñecer Galicia no mercado británico como destino perfecto para o goce dun paquete combinado de práctica do golf, termalismo e gastronomía.
Trátase dunha iniciativa conxunta promovida pola Asociación Galicia Destino Golf, Asociación Balnearios de Galicia, Oca Hoteis e Hotel Carlos I no marco do concurso de ideas do Clúster Turismo de Galicia que se desenvolve en dúas fases. Unha primeira consistiu no desenvolvemento da imaxe corporativa e da paquetización da oferta, así como a posta en marcha da web do proxecto: https://galiciagolfsalud.gal/ mentres que unha segunda iníciase este domingo 9 de setembro coa presentación do proxecto na Casa de Galicia en Londres.
Até alí viaxará un grupo de empresarios galegos vinculados co sector que darán a coñecer Galicia aos prescriptores vinculados aos clubs de golf británicos nunha presentación conxunta. Xa en outubro, o proxecto culminará nesta primeira edición cunha misión inversa que traerá a prescriptores británicos vinculados á práctica deportiva do golf a coñecer de primeira man a oferta galega.
Ademais de aglutinar e dar a coñecer mellor a oferta de campos de golf e termalismo coa que conta Galicia, Celtic Spain Golf&Wellness complétase coa posta en marcha de Galicia Golf Pass que permitirá aos seus usuarios gozar dos campos asociados a Galicia Destino Golf a un prezo excepcional durante os 365 días do ano.
Na presentación desta mañá participaron a presidenta de Galicia Destino Golf, Marisa Barandiarán, encargada de explicar o proxecto; Benigno Amor, xerente de Balnearios de Galicia, quen destacou a gran oferta termal que posúe Galicia e que con iniciativas como esta vai poder dar o salto cara á captación de mercados internacionais como o británico; Ramón Braña, director Xeral de Oca Hotels e Leonardo López, director do Hotel Carlos I, así como Cesáreo Pardal, secretario do Clúster Turismo de Galicia e José Luís Mestre, director de Competitividade de Turismo de Galicia, quen destacaron a importancia de xerar sinerxías entre as empresas e coa administración pública para a creación ou paquetización da ampla oferta turística coa que conta Galicia.