A sede electrónica da Xunta comezará a recibir as propostas de adhesión das empresas ao bono “Quedamos en Galicia 2”

A sede electrónica da Xunta comezará a recibir as propostas de adhesión das empresas ao bono “Quedamos en Galicia 2”

No programa poden participar aloxamentos e axencias de viaxes que ofrezan os seus produtos en Galicia

 

Os aloxamentos e axencias de viaxes que desexen unirse ao bono turístico “Quedamos en Galicia” poderán presentar as súas propostas a partir de mañá (mércores 24 de marzo) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal.

Poderán participar no programa todos os establecementos de aloxamento (agás as vivendas de uso turístico) así como as axencias de viaxes que presten os seus servizos en Galicia. Deben estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) a día de hoxe. Ademais, terán que rexistrarse (se non o están xa) en Turespazo (https://turespazo.turismo.gal) e deben ter un TPV cun número comercial que os identifique para o pago electrónico.

As empresas adheridas deberán propoñer unha oferta de aloxamento, servizos ou produtos específicos e, no caso das axencias de viaxes, poderán ofrecer paquetes turísticos.

Os usuarios terán tres tipos de bonos: un por 500 euros, outro por 375 e outro por 250 euros. Serán subvencionados nun 60 por cento pola Xunta de Galicia.

A partir de mañá comezarán a recibirse propostas de establecementos e axencias, que comezarán a tramitarse a partir do 5 de abril, data na que se poderán subir as ofertas a Turespazo.

O catálogo de empresas e ofertas finalmente farase público na páxina do novo bono, www.turismo.gal/quedamosengalicia2, o 12 de abril.