A OMT lanza unha guía coas claves para impulsar o turismo gastronómico

RECURSOS

A OMT lanza unha guía coas claves para impulsar o turismo gastronómico

Impulsar un modelo de gobernanza con liderado, transparente e participativo, o deseño dun plan estratéxico que debe estar perfectamente aliñado co Plan de Turismo, fomentar os mecanismos de participación e apoiar a creación de alianzas e espazos de traballo son as principais recomendacións que recolle a guía publicada pola Organización Mundial do Turismo e o Basque Culinary Center (BCC) para impulsar o turismo gastronómico. O obxectivo é que sirva como ferramenta práctica para apoiar aos destinos que queiran potencialo a través dunha serie de recomendacións.

A iniciativa pretende empoderar aos destinos turísticos, facilitándolles os coñecementos necesarios e indicándolles os procesos adecuados para a preparación e aplicación dun plan de turismo gastronómico aínda que se trata dunha serie de recomendacións que cada destino deberá adoptar en función do desenvolvemento que deste tipo de turismo realizasen. O interese da OMT no desenvolvemento desta tipoloxía de turismo radica na constación de que a relación entre gastronomía e turismo evolucionou cara a novos modelos, dando lugar a un novo segmento turístico, o turismo gastronómico. A adopción dun plan desa índole permitirá a cidades e rexións aproveitar os numerosos beneficios vinculados ao turismo gastronómico, ademais de contribuír á creación e mellora do emprego, o plan tamén servirá de catalizador en aras da innovación e o emprendimiento. Un plan no que será necesario coñecer o contorno, as tendencias, a competencia, ao turista gastronómico, entre outros factores, para determinar o desenvolvemento dunha estratexia e dun posicionamento do destino gastronómico.

O documento, presentado no marco do Foro Mundial do Turismo Gastronómico da OMT expón a necesidade de potenciar a identidade culinaria, os produtos locais e a gastronomía propia do destino a través do desenvolvemento de programas de fomento de chefs como intérpretes do territorio ou potenciar o orgullo gastronómico de forma que a poboación viva e participe.

O documento tamén expón a creación de experiencias asociadas a el, de forma que exista unha oferta innovadora e singular para o turista gastronómico. O primeiro paso para logralo é identificar os produtos da gastronomía local que teñan maior potencial e desenvolver o aspecto máis “cultural”, algo que pode conseguirse a través de visitas guiadas. O documento tamén sinala que é importante definir unha estratexia de marca e un plan de promoción e apoio á comercialización do novo destino.

Outra das recomendacións pasa pola aplicación das tecnoloxías, que tamén xogan un papel importante no desenvolvemento do turismo gastronómico. Neste ámbito é importante facilitar ás empresas o acceso ao cliente e potenciar os recursos turísticos a través da posta en marcha de aplicacións móbiles e a publicación en redes sociais. Para iso é necesario fomentar o uso de tecnoloxía aplicada á mercadotecnia turística, a personalización e o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade.

Descarga a guía aquí