O Clúster Turismo de Galicia organiza dous workshops hoxe e mañá nas Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife.
Preto 30 empresas galegas darán a coñecer nestes encontros as múltiples experiencias das que os canarios e canarias poden desfrutar en Galicia.
Os chefs galegos Kike Piñeiro e Eloy Cancela farán de abandeirados da mellor cociña galega, apoiados por una mostra da nosa cultura vinícola grazas ás bodegas Mar de Frades e Paco & Lola.
Presentar a Galicia como a terra das mil vivencias é o obxectivo do Clúster Turismo de Galicia, que hoxe e mañá aborda esta misión nas Illas Canarias. Esta iniciativa, que o Clúster realiza coa colaboración da Xunta, a través da Axencia de Turismo de Galicia, busca estreitar lazos coas illas afortunadas para incrementar o fluxo de turistas cara á comunidade.
Las Palmas de Gran Canaria é a primeira parada da viaxe, que ao longo da xornada de hoxe acollerá o primeiro dos workshops previstos e que mañá continuará en Santa Cruz de Tenerife. En ambas illas preto de 30 empresas galegas entre axencias de viaxes maioristas, hoteis e outros aloxamentos, e empresas de oferta complementaria explicarán a emisores canarios que pode ofrecer Galicia a todos os canarios e canarias interesados en visitar a Comunidade ou en volver e poder gozar de experiencias diferentes ás xa vividas.
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, sinalou que “viaxar a Galicia é construír novos recordos” porque a nosa Comunidade é rica “en recursos naturais, patrimoniais, culturais, gastronomía e tradición, que se poden gozar de mil maneiras distintas” e por iso “cada viaxe a Galicia pode ser unha vivencia totalmente diferente”. Ademais, recalcou a firme a aposta da Comunidade por un turismo sostible e intelixente.
Durante a súa intervención, Cesáreo Pardal lembrou tamén a unión de Galicia e Canarias polo Camiño de Santiago, recordando a ruta xacobea de Gran Canaria, que une Maspalomas con Gáldar, cuxa celebración xubilar foi concedida á Igrexa de Santiago dos Cabaleiros de Gáldar en 1965 e a perpetuidade desde 1993. Un vínculo especialmente importante este ano no que Galicia celebra o dobre Xacobeo 2021-2022.
O presidente do Clúster Turismo recalcou que o Camiño é unha parte clave da nosa oferta turística, pero que Galicia ofrece moito máis: praias, bosques, termalismo, patrimonio e gastronomía son puntais dunha oferta turística con experiencias únicas para o viaxeiro.
O turismo náutico con preto de 900 praias e unha ampla oferta portuarias é unha das múltiples vivencias que se poden experimentar en Galicia, pero tamén a desconexión cun turismo rural de calidade ou o termalismo con máis de 300 manantiais e unha tradición termal que se remonta aos romanos. Galicia alberga, ademais, un extenso patrimonio cultural recoñecido ata en cinco ocasións pola Unesco e diferentes opcións para o turismo de congresos no eixo atlántico con Coruña e Vigo nos seus extremos.
Ademais do acto institucional de apertura, no que se proxecta un vídeo promocional de Galicia, ambos workshops levan a Canarias unha mostra da cultura gastronómica e do sector vitivinícola galego. Os chefs Kike Piñeiro e Eloy Cancela, responsables do restaurante compostelán A Horta d’Obradoiro, serán os encargados de poñer sabor galego ao encontro coas axencias de viaxes de Las Palmas de Gran Canaria e Santa Cruz de Tenerife. Un bo facer, o destes reputados cociñeiros galegos, recomendado polas guías Michelín e Repsol. Unha demostración gastronómica maridada cunha boa mostra de viño galego, grazas as bodegas Mar de Frades e Paco & Lola. O colofón do evento será un sorteo de estancias en Galicia entre os profesionais canarios participantes.