Galicia Destino Sostible pechou o 2022 con máis dun centenar e medio de produtos lanzados

Galicia Destino Sostible pechou o 2022 con máis dun centenar e medio de produtos lanzados

O Club de Produto posto en marcha polo Clúster coa colaboración da Xunta suma xa 70 empresas adheridas.

 

Só medio ano de vida bastou para que o Club de Produto Galicia Destino Sostible posto en marcha polo Clúster Turismo de Galicia coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia fíxose un importante oco no mercado turístico galego como espazo de referencia para aqueles que buscan unhas propostas que aposten tamén polo desenvolvemento económico local.

 

70 empresas adheríronse desde a súa creación a este Club de Produto, que acolle así no seu seo a axencias de viaxes, hoteis, establecementos de turismo rural, cámpings e outros aloxamentos diversos, así como empresas de oferta complementaria e ata un museo, como é o caso de MEGA Mundo Estrela Galicia.

 

Esta boa acollida de Galicia Destino Sostible entre o sector turístico galego traduciuse ademais na rápida configuración dunha ampla oferta de produtos. A listaxe de propostas deseñados polos socios do Club e ao alcance do usuario a través da súa web suma xa o centenar e medio. Alí pódense atopar desde rutas en bicicleta, barco ou a pé, ata paquetes que combinan elementos como gastronomía, aloxamento, enocultura, deporte e aventura, pasando por escapadas singulares, astroturismo ou introdución a actividades como a náutica ou a escalada. Galicia Destino Sostible ofrece ademais opcións para todo tipo de públicos: parellas, familias, grupos ou, mesmo, para gozar en solitario.

 

As primeiras empresas adheridas ao club dispuxeron da posibilidade de acceder a un programa de patrocinios financiado pola Xunta para deseñar os primeiros produtos do Club e que contou cun orzamento total de máis de 300.000 euros. O prazo para acollerse a estas axudas concluíu a finais de outubro do ano pasado, pero a adhesión de empresas ao Club de Produto segue aberto.

 

Galicia Destino Sostible foi presentado de forma oficial o 11 de xullo do ano pasado cun gran acto celebrado no restaurante Culler de Pau (O Grove), posuidor de dúas Estrelas Michelin, coa participación de numerosas autoridades encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal; o chef Javier Oleiros, propietario do restaurante, e a directora da axencia Tee Travel e vogal do consello do Clúster, Mar Rodríguez, e a participación de numerosos representantes do sector.

 

Ademais, o pasado 25 de outubro, o Club de Produto centrou unha xornada monográfica organizada polo Clúster no hotel A Quinta da Auga (Santiago de Compostela) na que interviñeron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o reputado cociñeiro Pepe Vieira, do restaurante que leva o seu nome e que acaba de conseguir a súa segunda estrela Michelin; Jesús Picallo, vicepresidente do Clúster e responsable de negocios como o Hotel O Semáforo de Fisterra; Pablo Mariño, da axencia de turismo mariñeiro Bluscus; Amelia García, de Atlantis Adventura; o físico e meteorólogo Martín Barreiro, e o presidente do Clúster, Cesáreo Pardal.

 

Ademais, Galicia Destino Sostible estivo moi presente en todas as actividades realizadas polo Clúster neste últimos seis meses, como presentacións, workshops e presenza en feiras nacionais e internacionais e centrou, así mesmo, un press tripque Trouxo a Galicia a un destacado grupo de xornalistas de medios especializados tanto de ámbito nacional como do Norte de Portugal.