Galicia Destino Sostible ofrece unha formación en comunicación da sostibilidade ás empresas que forman parte do Club

Galicia Destino Sostible ofrece unha formación en comunicación da sostibilidade ás empresas que forman parte do Club

  • O obxectivo é dar apoio aos asociados no tocante á comunicación das empresas para poñer en valor os seus esforzos para ser cada vez máis sostibles, chegando ás persoas concienciadas que buscan realizar un turismo responsable.
  • A formación, gratuíta, vai dirixida a tódalas empresas adheridas ao Club Galicia Destino Sostible.
  • As inscricións están abertas ata o 14 de novembro.

 

A iniciativa Galicia Destino Sostible ofrece unha formación en comunicación da sostibilidade a todas aquelas empresas que forman parte do Club. A través desta, os asociados terán a oportunidade de coñecer as claves para achegar aos turistas o desempeño ambiental da empresa. Esta formación potencia as habilidades de comunicación e o foco sostible para mellorar o grao de satisfacción e a relación das empresas cos turistas que visitan Galicia. Falarase sobre a importancia das accións ambientais, sociais e de bo goberno de cara a vertebrar unha oferta turística diferenciada pola súa conexión co desenvolvemento sostible.

 

A formación constará de dúas sesións. A primeira, presencial, está aberta ás empresas adheridas ao Club, previa inscrición. Terá lugar o vindeiro 16 de novembro, a partir das 10:00 horas, na sala Fontán da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. A segunda sesión consistirá nunha formación en liña e persoal, de 2 horas de duración, na que se traballará sobre a realidade de cada empresa. Está dirixida a un máximo de 30 empresas e realizarase entre o 27 de novembro e o 5 de decembro.

 

Esta formación será impartida por Pedro Tasende, xerente da axencia de comunicación Aporta Comunicación e xornalista cunha ampla experiencia en sostibilidade e comunicación corporativa. O programa xeral incorpora cuestións como a identificación de grupos de interese, o enfoque segundo a actividade, os medios de comunicación e a sostibilidade, greenwashing, a importancia da narrativa, comunicación interna e externa, visión estratéxica, plan operativo e boas prácticas. Podes consultar toda a información aquí.

 

Para participar é necesario inscribirse a través desta ligazón antes do 14 de novembro. Na propia páxina poderase indicar se interesa acudir só a formación presencial, ou se tamén se quere participar na formación individualizada. Ten en conta que para participar na segunda sesión, é preciso ter asistido á primeira.

 

Para máis información podes contactar a través do correo info@galicidestinosostible.com ou do teléfono 881 50 51 02.