Durante 3 días, a marca Galicia Destino Activo instalou un punto de información nas instalacións do Maratón do Porto para ofrecer información sobre os 14 produtos de turismo activo que compoñen esta marca.
O Maratón do Porto é un evento de grandes dimensións, no que este ano terminaron a carreira preto de 4000 persoas. Trátase dunha actividade de gran impacto e que responde o segmento de potenciais clientes dos produtos de turismo activo.
Os obxectivos principais desta acción foron aumentar o recoñecemento do destino Galicia para a práctica de actividades de turismo activo e a captación de potenciais clientes finais para os 14 produtos de turismo activo creados polas máis de 40 empresas ligadas a Galicia Destino Activo.
Galicia Destino Activo é un proxecto público-privado en crecemento, no que participan máis de 40 empresas asentadas no territorio. Os produtos percorren as 4 provincias galegas, achegáronse ás persoas participantes neste evento e aos seus acompañantes a través da páxina web e unha aplicación móbil (dispoñible tanto para Android como para IOS) na que se detallan as actividades a desenvolver en cada paquete, acompañadas de vídeo e fotografía.