Galicia abriu novas oportunidades no mercado turístico estadounidense

ACTIVIDADES

Galicia abriu novas oportunidades no mercado turístico estadounidense

O Clúster Turismo de Galicia e as empresas Tee Travel e Interrías participaron no Spain Tourism Summit celebrado en Miami.

 

Abrir novas oportunidades de negocio e incrementar a visibilidade de Galicia como destino turístico foron os obxectivos da participación do Clúster de Turismo de Galicia e as empresas Tee Travel e Viaxes Interrías no Spain Tourism Summit, que se celebrou en Miami do 30 de marzo ao 1 de abril.

 

En total participaron nesas xornadas, organizadas por Turespaña, 28 empresas españolas e representantes de 18 destinos, que puideron presentar os seus produtos e servizos turísticos culturais, gastronómicos ou premium, entre outros, a 60 compradores estadounidenses.

 

Ademais das empresas Tee Travel e Interrías, outras 16 axencias de viaxe, turoperadores e empresas de receptivo galegas estiveron presentes no encontro grazas a un catálogo elaborado polo Clúster Turismo de Galicia que resume os seus servizos principais.

 

Estas xornadas foron as primeiras que se celebran no mercado estadounidense desde que comezou a pandemia e permitiron activar, incrementar e favorecer a comercialización do turismo español y gallego nun importante mercado emisor e posicionarse nel como un destino turístico de calidade, seguro e sustentable

 

O encontro comezou o mércores 30 cunha presentación sobre o mercado norteamericano dirixida aos participantes españois para axudarlles a planificar a súa estratexia comercial, e poder presentar a súa oferta adaptada ao perfil do comprador.

 

Durante as xornadas do xoves e o venres cada empresa mantivo citas de ata 8 minutos para mostrar as súas propostas aos compradores estadounidenses, mentres que os destinos puideron facer presentacións de ata 5 minutos de duración. Ademais, para a primeira noite estaba prevista unha velada temática sobre a Noite de San Xoán. As xornadas completáronse con xantares de traballo e outras actividades para reforzar a interacción entre as empresas españolas e estadounidenses.