En outubro continúan os trens turísticos especiais

Renfe pon en marcha no mes de outubro o Tren Termal e do Camiño do Norte a Santiago, dentro da súa campaña de promoción do turismo en Galicia. Esta nova ruta, que circulará os sábados 1 e 22 de outubro, inclúe, ademais da viaxe en tren entre A Coruña e Lugo, unha sesión termal no hotel-balneario de Guitiriz, primeira etapa da viaxe, unha visita á capela gótica de San Alberte, situada no interior dun frondoso bosque, un percorrido a pé por un tramo do Camiño do Norte de Santiago e unha visita peonil polo centro histórico de Lugo, incluído o Centro de Interpretación da Muralla e a Casa dos Mosaicos.
Para gozar ao completo da proposta os viaxeiros deberán levar traxe de baño, gorro e calzado adecuado, mentres que o propio balneario facilitaralles toallas. Os billetes, que poden ser adquiridos na web de Renfe cun custo de 40 euros, inclúen os traslados en autobús entre as estacións e os diversos lugares que se visitan.