O Clúster Turismo de Galicia e as empresas Tee Travel e Interrías participan esta semana no Spain Tourism Summit.
Galicia estará presente esta semana nas xornadas directas de promoción turística que celebra Turespaña en Miami baixo a denominación Spain Tourism Summit 2022. Unha representación do Clúster Turismo de Galicia e das empresas Tee Travel e Viaxes Interrías forman parte da comitiva española integrada por un total de 28 empresas e 18 destinos que se desprazarán ata Estados Unidos para manter encontros con case 60 compradores daquel país e ofrecerlles produtos e servizos turísticos variados: premium, cultural, gastronómicos…
O mércores 30 celebrarase unha xornada preparatoria de presentación e o xoves 31 e o venres 1 de abril terán lugar os workshops: o primeiro día, con empresas das zonas centro e oeste de Estados Unidos, e o segundo día, con empresas da costa este e do sur. Cada empresa da comitiva española desprazada a Miami dispoñerá de citas de 8 e 9 minutos de duración para mostrar as súas propostas aos compradores estadounidenses, mentres que os destinos poderán facer presentacións de ata 5 minutos de duración. Ademais, para a noite do mércores 30 está prevista unha velada coa Noite de San Xoán como fío condutor e o xoves 1 celebrarase unha actividade enogastronómica.
Estas xornadas son as primeiras que se celebran no mercado estadounidense desde que comezou a pandemia e o obxectivo é activar, incrementar e favorecer a comercialización da oferta turística española nese destacado mercado emisor posicionándose como un destino turístico de calidade, seguro e sostible.