O sector turístico galego cumpre as expectativas previstas e pecha o mes de agosto con niveis de ocupación do 90 % e superiores

O sector turístico galego cumpre as expectativas previstas e pecha o mes de agosto con niveis de ocupación do 90 % e superiores

En xullo as porcentaxes situáronse entre o 70 e o 80 %, rozando a plena ocupación nas pontes do 25 de xullo e do 15 de agosto nalgunhas zonas.

 

O balance de verán foi moi positivo tamén en termos de facturación, con cifras históricas que permiten recuperar e, incluso superar, niveis de 2019.

 

Neste verán primaron as reservas de última hora e unha redución das estadías medias pero cun gran nivel de rotación, que permitiu acadar bos niveis de ocupación e facturación.

 

O mes de agosto acadou o maior nivel de ocupación dos establecementos turísticos galegos cunhas porcentaxes medias do 90 % e superiores. En xuño estas porcentaxes situáronse entre un 70 % e un 80 %, cumprindo as expectativas previstas ao principio da época estival. Son datos do estudo elaborado polo Clúster Turismo de Galicia a partir dunha consulta entre os seus asociados.

 

O documento recolle un balance moi positivo para o sector tamén en termos de facturación, con cifras históricas que permiten recuperar e, incluso superar, os niveis de 2019. En termos xerais, medrou a facturación grazas ao incremento das tarifas pero este aumento non se trasladou de forma proporcional á rendibilidade, dadas as considerables subidas dos custos enerxéticos e dos subministros.

 

Respecto ao comportamento dos viaxeiros, cómpre destacar que primaron as reservas de última hora e unha redución das estadías medias pero cun gran nivel de rotación que permitiu acadar bos niveis de ocupación e facturación.

 

Respecto á nacionalidade, mantívose a predominancia do turismo nacional aínda que comeza a repuntar a recuperación do mercado internacional, destacando a afluencia de turistas portugueses e franceses.

 

Por zonas, a provincia de Pontevedra cumpriu as expectativas, con índices de ocupación e tarifas medias superiores ás de 2019. En xullo a ocupación roldou o 80 % e a de agosto o 90 %, contando ademais con boas perspectivas para o mes de setembro, cunha previsión do 70 %.

 

Sanxenxo acadou uns números históricos, superiores aos de 2019. En xullo a ocupación hoteleira oscilou entre o 75 e o 80 %, chegando ao 83 % no caso dos apartamentos. En agosto os superouse o 90 % na práctica totalidade das diferentes tipoloxías de establecemento, destacando os hoteis de 3 e 4 estrelas, que chegaron ao 93 %.

 

Tamén se cumpriron as previsións na cidade da Coruña, cuxos hoteis rexistraron ocupacións de entre o 85 e o 90 % e a facturación  medrou un 15 % respecto 2019. En Santiago de Compostela a ocupación media moveuse na contorna do 75 %, se ben os establecementos da capital galega rexistraron cheos en momentos puntais como as Festas do Apóstolo ou os concertos do festival O Son do Camiño. O sector é optimista cara os meses de outono grazas ao Xacobeo e á nutrida axenda de congresos para o que resta de ano.

 

Pola súa parte, a Costa da Morte rexistrou altas ocupacións en agosto (85-90 %), tras un mes de xullo máis modesto. En todo caso, superáronse os datos de 2019 e 2021 e as perspectivas para setembro son boas, grazas á previsión de chegada de peregrinos e peregrinas internacionais.

 

Na cidade de Ferrol existe satisfacción polos resultados do verán, con ocupacións estables na contorna do 75-80 %, que se elevaron ao 95 % nos primeiros días de agosto e que acadaron o 100 % nas pontes do 25 de xullo e o 15 de agosto.

 

Na provincia de Lugo tamén se cumpriron as expectativas, con porcentaxes que oscilaron entre o 70 e o 80 % en xullo e entre o 80 e o 90 % en agosto. Foi especialmente positiva a primeira quincena de agosto, con ocupacións superiores ao 95 % na Mariña e na Ribeira Sacra na ponte do 15 de agosto. Esta última zona roldou en agosto unha ocupación do 90 %, a 4 puntos do histórico mes de agosto de 2019.

 

Na provincia de Ourense, a ocupación media estivo na contorna do 80 % este verán, cun comportamento especialmente bo entre o 15 de xullo e o 15 de agosto. Destacan as estadías curtas, especialmente de turistas que veñen coñecer Galicia e fan unha primeira parada na provincia ourensá. Por último, o eido do turismo rural tamén reflectiu un bo verán acadando incluso niveis próximos ao 90 %. No interior resentíronse as zonas máis afectadas polos lumes, que rexistraron cancelacións. Se ben existe certa incerteza respecto aos vindeiros meses, o sector ten en marcha iniciativas como o Outono Gastronómico, que pretenden incentivar o consumo no que resta de ano.