O reto actual das empresas turísticas é chegar vivas ao momento en que se restableza a confianza

O reto actual das empresas turísticas é chegar vivas ao momento en que se restableza a confianza

O Clúster agradece aos galegos que aproveitaran para volver descubrir Galicia durante os meses de verán nos que puideron viaxar

 

Galicia ofrece un turismo sostible sen multitudes, ten excelentes recursos e a oportunidade que representa un Xacobeo de dous anos, pero agora o importante é que as empresas poidan manterse con vida durante os seis meses ata que comece a recuperación da confianza en viaxar. O presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, fixo estas declaracións nunha extensa entrevista no programa A Revista Fin de Semana da TVG, na que falou das expectativas do sector para o bienio Xacobeo.

Cesáreo Pardal destacou que é “moi importante que o Xacobeo se prorrogue un ano máis, porque os primeiros seis meses de 2021 van ser moi duros para o sector”. Neste sentido, sinalou que se prevé alcanzar entre 2,5 e 3 millóns de visitantes en 2021, unha cifra que está moi lonxe dos 6 millóns previstos no Plan Estratéxico antes da pandemia.

O presidente do Cluster destacou a importancia de que en 2021 sexa posible facer “o Xacobeo dos galegos: que a xente de Galicia se embarque en facer, por primeira vez ou de novo, o Camiño de Santiago”. Engadiu que é unha oportunidade para redescubrir Galicia e recordou que o sector ten “moito que agradecer á xente de Galicia, que xa o fixo e o fixo durante o verán, cando as cifras de ocupación foron capaces de recuperarse por encima do esperado”.

Cesáreo Pardal insistiu no carácter de Galicia como destino seguro. Por unha banda, Galicia ofrece un turismo sen multitudes e sostible e, por outra, os establecementos turísticos tomaron moi en serio a adopción dos protocolos acordados coa Administración para reafirmar esa seguridade e confianza. Neste sentido, afirmou estar “moi orgulloso” dun sector que soubo formar parte da solución, e nunca do problema.

Finalmente, resaltou o importante que é que todos os viaxeiros a Galicia teñan un seguro gratuíto e específico que cubra calquera eventualidade relacionada coa pandemia.