O presidente da APEHL entra a formar parte da directiva da Federación Española de Hostalaría

O presidente da APEHL entra a formar parte da directiva da Federación Española de Hostalaría

A Federación Española de Hostalaría acaba de renovar a súa directiva para o próximos catro anos e nela, baixo a presidencia de José Luís Yzuel, haberá un representante da provincia de Lugo na figura do presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (APEHL), Cheché Real, que formará parte da xunta directiva como vogal de lecer nocturno xunto con 12 persoas máis. Ante este novo reto, Real destaca que “é relevante que Galicia, e en especial Lugo, teña representación a nivel nacional neste sector. Ninguén como nós mesmos para transmitir os nosos problemas e facer ver a nosa situación”.
Entre as tarefas a desenvolver, Real destaca a de continuar a liña de traballo levada a cabo pola FEHR nestes últimos anos así como “coordinar actuacións colectivas para a solución de problemas comúns nas diferentes partes do territorio nacional, desenvolvendo ferramentas para consolidar a profesionalización do sector e dotar de maior visibilidade toda a nosa oferta gastronómica e turística, así como incrementar a formación do sector”.
Coincidindo co 40 aniversario da creación desta Federación Española, Cheché Real subliña o traballo realizado polo anterior presidente, José María Avermellado, e espera cumprir cos obxectivos nesta nova etapa nivel nacional.