O Clúster e a Xunta abordan a elaboración da Estratexia de Turismo 2030 da man de máis de 100 profesionais e expertos

O Clúster e a Xunta abordan a elaboración da Estratexia de Turismo 2030 da man de máis de 100 profesionais e expertos

  • Analizarán posibles solucións aos retos identificados polo sector no proceso de diagnóstico realizado a finais do pasado ano.
  • A través de oito mesas de traballo, que terán lugar durante o mes de maio.
  • O presidente do Clúster e o director da Axencia de Turismo participaron este xoves na primeira das mesas, centrada na promoción e a diferenciación dos destinos.

O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta abordan o proceso de elaboración da futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030 coa celebración  da primeira de oito mesas de traballo previstas, que reunirán a máis de 100 profesionais do sector e expertos para abordar posibles medidas para afrontar os retos do turismo.

 

O presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, e o director da Axencia de Turismo, Xosé Manuel Merelles, acompañados pola directora xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, abriron hoxe, xoves 2 de maio, en Santiago, o primeiro destes encontros, centrado na promoción e diferenciación dos destinos, unha das liñas identificadas no proceso de diagnóstico que se desenvolveu a finais do pasado ano. As sete mesas restantes celebraranse ao longo deste mes de maio e abordarán o fomento da innovación e a dixitalización; a mellora da internacionalización; o impulso ao reequilibrio territorial e á mobilidade; a capacitación e a atracción de talento; a adaptación ao cambio climático e a sostibilidade; e a competitividade empresarial.

 

O obxectivo destas mesas de traballo, que combinarán os coñecementos dos profesionais do sector e a perspectiva dos expertos, é definir posibles solucións aos desafíos identificados previamente baixo un enfoque integral e equilibrado no desenvolvemento.

 

A futura Estratexia de Turismo de Galicia 2030 estase a elaborar coa  misión de impulsar un turismo auténtico e sostible e co compromiso de preservar e realzar a riqueza cultural, natural, e social de Galicia.  As medidas que se definan no actual proceso de elaboración buscan consolidar o turismo como un factor de crecemento da economía, capaz de impactar positivamente na comunidade local e que sexa percibido así pola poboación.

 

Máis de 1.000 profesionais do sector participaron no proceso de diagnóstico previo a esta fase e que posibilitou a definición dos principais retos e preocupacións de profesionais e empresarios que integran o sector turístico galego.