O Clúster Turismo de Galicia conclúe a súa participación na World Travel Market (WTM) de Londres 2025 cun balance positivo. A cita, celebrada do 4 ao 6 de novembro no centro de exposicións EXCEL London, reuniu a máis de 46.000 profesionais do sector turístico, procedentes de 180 países e coa presenza de máis de 4.000 expositores.
A delegación galega, integrada por 26 empresas e representantes do Clúster Turismo de Galicia e do club de produto “Galicia Destino Sostible”, participou activamente nas tres xornadas de feira, establecendo novos contactos profesionais e reforzando lazos con axencias e operadores que xa colaboran co destino.
En representación do Clúster asistiron o seu presidente, Cesáreo Pardal; o vicepresidente, Jesús Picallo; o tesoureiro, Alfonso Martínez; e o vogal e expresidente, Francisco González. As empresas participantes foron Troulanda, Carrís Hoteles, Hotel Boutique Faro Silleiro, Tee Travel, Viajes Interrías, Casa do Sear, Adegas Eidos, Eat & Walkabout, Autocares Bustelo, Artnatura Galicia, Hotel Pazo Los Escudos, Solo Grupos, Always Spain Incoming e Oca Hoteles, ademais de representantes do club “Galicia Destino Sostible”.
O stand de Galicia, coordinado por Turismo de Galicia, volveu converterse nun espazo de encontro estratéxico para as empresas galegas, facilitando reunións con axentes internacionais, operadores de turismo e medios especializados. Alí tamén se deu visibilidade ao club de produto “Galicia Destino Sostible”, que agrupa a máis de 150 empresas comprometidas coa sustentabilidade e que presentou a súa oferta ante un público profesional especialmente interesado en experiencias responsables e auténticas.
Nesta edición, a sostibilidade e a intelixencia artificial foron os eixos temáticos predominantes, aliñándose coa filosofía de traballo do Clúster e reforzando a posición de Galicia como destino competitivo, innovador e sostible.
A presenza galega na WTM viuse ademais reforzada pola participación do presidente da Deputación de Pontevedra, que visitou o mostrador de Rías Baixas, contribuíndo á proxección internacional do destino.
Con esta nova misión comercial, o Clúster Turismo de Galicia consolida o seu papel como axente vertebrador do sector e reafirma o seu compromiso coa internacionalización e a sustentabilidade como piares do desenvolvemento turístico galego.