Concibidas co obxectivo de mellorar a comercialización e a especialización do Destino Galicia o Clúster Turismo de Galicia presentou esta mañá os proxectos nos que traballa, impulsados no marco do concurso anual de ideas que pon en marcha o Clúster de Turismo de Galicia entre os seus asociados. Enoturismo Galicia, Galicia Destino Familiar, Galicia Friendly, Galicia MICE e Galicia Destino Activo foron obxecto dunha das presentacións na última xornada profesional de Fitur. Baixo o título “Novas iniciativas para a comercialización do turismo en Galicia”, o CTG achegou ao sector profesional que se dá cita en Madrid as propostas nas que está a traballar da man do sector e da administración pública para mellorar a oferta turística galega.
E fíxoo da man da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro e do presidente do Clúster, Francisco González, quen destacou que o obxectivo de impulsar unha maior especialización da oferta turística galega. “Traballamos da man de administración e asociados no desenvolvemento de novas formas de comercialización da oferta turística galega na que estean presentes a innovación, a diferenciación e, por suposto, a calidade que xa distingue ao noso sector, líder actualmente no número de certificacións Q de Calidade”, destacou o presidente do CTG.
Pola súa banda a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a importancia dunha colaboración público privada real que está a dar estes froitos, creando produtos turísticos que permiten a desestacionalización e a diferenciación do destino Galicia.
Todos os produtos ou selos presentados teñen como nexo común o uso das novas tecnoloxías, a posta en marcha de ferramentas de comercialización en liña así como un alto grao de vixilancia competitiva e de uso do big data que permiten construír novas formas de comercialización, cun alto grao de especialización e de adaptación a cada segmento de mercado e co valor engadido de fidelización, “que nos permitan consolidar os crecementos experimentados”. “Todo iso co obxectivo de fomentar un turismo de alto valor engadido que nos permita maior diferenciación e mellor comercialización dunha oferta dimensionada e moderna, eficiente e adaptada ás necesidades actuais de sustentabilidade e accesibilidade que demanda un sector de futuro”, explicou Fracisco González.