O Clúster promociona Galicia na feira internacional TTG de Rímini

Unha misión comercial encabezada por Cesáreo Pardal desprazouse ata Italia para participar na 58° edición deste encontro destinado a profesionais do sector turístico.

 

Representantes do sector turístico de todo o mundo participan estes días na cidade italiana de Rímini na 58° edición do TTG Travel Experience. Entre os asistentes figuran os integrantes dunha misión comercial organizada polo Clúster Turismo de Galicia en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia e encabezada polo presidente do Clúster, Cesáreo Pardal, que permitirá a profesionais do turismo galego intercambiar impresións e propostas cos seus homólogos doutros países.

 

Durante as tres xornadas que dura esta veterana feira, unha das máis importantes do sector en Italia, profesionais e expertos están a tomar contacto coas últimas novidades na industria das viaxes. Trátase, en palabras dos seus promotores, dun “encontro para promover oportunidades comerciais e de networking entre quen crea o produto e quen o distribúe en Italia e no estranxeiro”, que tamén ofrecerá a todos os asistentes a posibilidade de “facer crecer a súa rede e negocio”.

 

É por iso que desde o Clúster Turismo de Galicia se impulsou esta misión comercial destinada tanto a representantes do sector da comercialización e a distribución (maioristas e axencias de viaxe) como do ámbito do aloxamento e a oferta complementaria (hoteis, cámpings, turismo rural, MICE, turismo activo e náutico).