O Clúster de Turismo achega a iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ a axencias de viaxe nacionais e estranxeiras a través dunha viaxe de familiarización

O Clúster de Turismo achega a iniciativa ‘Galicia Destino Sostible’ a axencias de viaxe nacionais e estranxeiras a través dunha viaxe de familiarización

  • Durante tres días os representantes das axencias de viaxe gozaron dalgunhas das experiencias de turismo sostible que ofrece a plataforma.
  • O pasado xoves, 21 de setembro, organizouse un workshop, no que participaron 20 das empresas adheridas, e que foi clausurado polo presidente do Clúster e o director de Turismo de Galicia.
  • Galicia Destino Sostible integra xa a 74 empresas que ofrecen 150 produtos comprometidos co bo uso dos recursos naturais e o apoio á cultura, o patrimonio histórico e a tradición.

 

Representantes de oito axencias de viaxe nacionais e estranxeiras participaron a semana pasada na viaxe de familiarización, organizada polo Clúster Turismo de Galicia, para coñecer a iniciativa Galicia Destino Sostible. Esta plataforma, impulsada polo Clúster en colaboración coa Xunta, busca integrar a oferta de turismo sostible da Comunidade e conta xa con máis 74 empresas adheridas e 150 produtos dispoñibles no portal galiciadestinosostible.com.

 

A viaxe de familiarización comezou o mércores no Ribeiro, e continuou o xoves en Cambados e A Toxa cunha axenda que incluíu vistas a lugares emblemáticos, cata de viños, diferentes experiencias gastronómicas e actividades como obradoiros de pan, astronomía ou marisqueo, todas elas integradas na oferta de Galicia Destino Sostible.

 

A xornada do xoves rematou cun workshop no que 20 das empresas integradas na plataforma tiveron a oportunidade de explicar en detalle a súa oferta aos representantes das axencias de viaxe convidadas.

 

Este encontro foi clausurado polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles. O responsable do Clúster destacou  “a boa acollida que tivo a iniciativa por parte do sector” e recalcou que “cremos firmemente neste proxecto porque é unha demanda do novo perfil de turista e porque sen un desenvolvemento sustentable non hai futuro” .

 

Pola súa banda, Xosé Merelles destacou a aposta da Xunta de Galicia polo turismo sostible “cando comezamos, en xullo de 2021 tiñamos moi claro que Galicia estaba chamada a ser unha potencia no turismo do futuro, no que a sustentabilidade, a innovación e excelencia, así como o contacto co local, xogan un papel crucial. Estamos no bo camiño”.

 

Durante a xornada do venres, no remate deste famtrip, levouse a cabo unha actividade de turismo náutico e un paseo polo casco antigo da cidade de Pontevedra.

 

Galicia Destino Sostible

 

Galicia Destino Sostible é unha iniciativa impulsada polo Clúster Turismo de Galicia, en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia, co obxectivo de integrar nunha única plataforma a oferta turística sustentable da nosa Comunidade, poñela en valor e incrementar as súas posibilidades de difusión e comercialización.

 

A plataforma ofrece unha ampla variedade posibilidades a través do portal galiciadestinosostible.com no que se poden atopar desde rutas en bicicleta, barco ou a pé, ata paquetes que combinan elementos como gastronomía, aloxamento, enocultura, deporte e aventura, pasando por escapadas singulares, astroturismo ou introdución a actividades como a náutica ou a escalada.

 

Galicia Destino Sostible conecta a empresas con viaxeiros que buscan unha experiencia comprometida co desenvolvemento local; co bo uso dos recursos naturais, o apoio á cultura, o patrimonio histórico e a tradición.

 

Campaña no mercado americano

 

Esta actuación súmase á outras iniciativas que está a desenvolver o Clúster Turismo de Galicia para promover a marca Galicia Destino Sostible no mercado internacional. En colaboración con   Turespaña e o grupo Expedia como partner, o Clúster está a potenciar a marca no mercado norteamericano para aumentaros ingresos turísticos e atraendo a un turista máis rendible e sostible. En total estímase que se destinen 150.000 euros a esta actuación.