Cal será a mellor tapa de Galicia en 2016?

ACTIVIDADES

Cal será a mellor tapa de Galicia en 2016?

A nova edición de De Tapas por Galicia desenvolverase entre o 9 de setembro e o 27 de novembro en sete cidades galegas

Un autobús promocional percorrerá oito capitais españolas e dúas portuguesa para dar a coñecer este programa

Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña e Ferrol volven acoller o certame “De Tapas por Galicia” co obxectivo de difundir os valores da gastronomía galega a través dun concurso de tapas que promova o turismo urbano nunha época onde a demanda turística é menor. Así, ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro e baixo o lema “Sete cidades, sete sabores”, desenvolveranse de forma coordinada os diferentes concursos, comezando por Lugo co seu “De Tapas por Lugo”, que se estenderá desde o 9 ao 25 de setembro, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo. Entre os días 16 de setembro e 2 de outubro, a cidade da Coruña acollerá a XIII edición do certame de tapas “Picadillo”, Ourense celebrará o concurso de petiscos “Sabores de Ourense” entre os días 25 de outubro e 13 de novembro, organizado pola concellaría de Turismo de Ourense e pola Unión de Hostaleiros Ourensáns mentres que, entre os días 3 e 20 de novembro, Pontevedra, co apoio da Concellaría de Promoción, acollerá o concurso “Pontedetapas”.

Ferrol celebrará o seu concurso de tapas entre os días 10 e 20 de novembro, organizado pola Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarcas, e Santiago acollerá entre os días 11 e 27 de novembro unha nova edición do concurso “Santiago(e)tapas”, organizado polo Concello e a Asociación Hostalaría Compostela. Por último, a Federación Provincial de Hostalaría de Pontevedra edición coa colaboración do Concello, organizará en Vigo, entre os días 17 e 20 de novembro o concurso de tapas “O petisquiño”.

A campaña “De tapas por Galicia” rematará cunha gala organizada por Turismo de Galicia na que se elixirán os mellores petiscos desta edición dentro dos gañadores de cada un do sete certames.

Promoción
Co obxecto de difundir o programa impulsado por Turismo de Galicia “De tapas por Galicia” contará cun autobús informativo que fará un percorrido polas principais cidades de Castela e León, Asturias, Cantabria e Portugal. Tamén se sortearán sete estancias de fin de semana na Comunidade galega, con noite de hotel e cea gourmet, entre os participantes no concurso.