Comeza a repartición dos bonos #QuedamosEnGalicia22

A primeira tarxeta foi entregada en Outes polo vicepresidente da Xunta Alfonso Rueda.

 

Os beneficiarios dos bonos turísticos #QuedamosEnGalicia22 impulsados pola Xunta para incentivar o turismo interno durante a tempada baixa xa comezaron a recibir as tarxetas que poderán utilizar nos máis de 850 establecementos adheridos á campaña. As Cabaniñas  do Bosque, en Outes, serviron de escenario ao acto simbólico de entrega do primeiro deses bonos. Unha veciña da localidade recibiuno de mans do presidente primeiro da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e en presenza doutras autoridades e do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo  Pardal.

 

O acto serviu para reafirmar o éxito desta iniciativa, que duplicou a demanda da edición anterior sumando máis de 20.000 solicitudes en apenas 12 horas. Os beneficiarios recibirán bonos por importe de 250, 375 e 500 euros, dos que a Xunta achegará o 40 %, e terán de prazo ata final de ano para poder empregalos.

 

A repartición dos bonos permitirá que poidan empezar a ser usados xa nas próximas semanas, debido a que un dos obxectivos da iniciativa é fomentar o uso dos servizos e establecementos turísticos fóra da tempada alta. Desde a Xunta, destacan que a pasada edición desta iniciativa permitiu inxectar 7,6 millóns de euros no sector. Naquela ocasión, o maior consumo dos bonos produciuse durante o último trimestre do ano.

 

Esta medida constitúe un estímulo engadido para o turismo galego, que durante o 2021 liderou a recuperación do sector en España, e que durante este 2022 volve amosar un comportamento positivo. A iso está a contribuír tamén a prolongación do Ano Santo Xacobeo con cifras récord de chegada de peregrinos polo Camiño de Santiago.